O Revenidas presenta a súa imaxe para esta edición, inspirada nas sereas e as tradicións mariñeiras


A sardiña, protagonista de cada edición, aparece esta vez caracterizada como unha serea, tal e como ocore co escudo heráldico dos Mariño de Vilaxoán ou coa proposta do escudo de Galicia de Castelao. O festival convertirá un ano máis o porto de Vilaxoán en Vilagarcía de Arousa en punto de encontro multicultural os días 9, 10 e 11 de agosto. 

O festival Revenidas, que celebrará a súa próxima edición os días 9, 10 e 11 de agosto, presenta a súa nova imaxe para esta edición baseándose na tradición mariñeira da zona e a serea da proposta do escudo de Galiza de Castelao. A sardiña, protagonista indiscutible do festival, aparece esta vez caracterizada como unha serea, sen dúbida un dos elementos máis singulares da heráldica do país.


Practicamente en calquera recuncho atlántico do país se pode atopar un blasón sostido por unha serea. De feito, nas primeiras décadas do século XX Castelao e outros investigadores relacionados co Seminario de Estudos Galegos recolleron e catalogaron por toda Galiza unha gran cantidade de heráldicas similares, -un total de 33 foron descritos por Castelao-. Na imaxe desta 16ª edición do festival, desenvolta polo deseñador David Lages, a figura da serea atópase estreitamente ligada ao pazo de Sobrán, á saga dos Mariño e á relación da vila de Vilaxoán e as súas lendas coas sereas.


Entradas e actividades

A organización do festival está actualmente artellando unha programación cun potente contido cultural galego que abrangue diversas disciplinas, e sempre vencellado á zona na que se desenvolve. Ademais das xa confirmadas The Baboon Show, Desakato, Flow do Toxo, El niño de la hipoteca e Los Jinetes del Trópico, o festival dará a coñecer proximamente a súa programación musical, que incluirá importantes bandas galegas e internacionais. O modelo de combinar actividades de balde para público familar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continúará na súa liña de explorar novos espazos con actividades vencelladas á vila e ao entorno no que se celebra.


Tras esgotar a súa promoción inicial de lanzamento en 15 minutos, os interesados e interesadas en asistir ao Revenidas 2019 poden mercar xa os seus abonos de tres días -con acampada incluída- por un prezo de 29 € a través da páxina web Revenidas.com.

FOTOS REVENIDAS 2018: Xián Freire e Dani Lavesedo

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto