Cinema, música e cultura un ano máis en Cans

Entre os pasados 22 e 25 de maio a aldea de Cans, no Porriño, volveu celebrar o seu festival de cinema. 16 edicións xa para unha proposta orixinal, que busca desde o comezo fusionar o rural coa cultura cinematográfica. Máis un ano houbo chimpíns, cans nos balcóns, veciños satisfeitos ao veren actores do panorama galego e estatal na aldea e moitísimo público. E tamén un ano máis GZmúsica estivo aló, na xornada do sábado 25. Eis a nosa visión do XVI Festival de Cans.

Sábado 25 de maio e cunha calor propia do mes de agosto chegou unha cita á que non podiamos faltar: o Festival de Cans. Milleiros de persoas tomaron a aldea para gozar dos concertos, das proxeccións e dalgún que outro paseo en chimpín.

A xornada comezou pola mañá ben cedo, contra as dez da mañá partía o tradicional Cansonoro, a ruta de Xurxo Souto acompañado polos Acordecans, a banda de acordeóns da parroquia. Novo percorrido no que se reabriu un muíño restaurado e no que nós achegamos á mítica banda de Cans os Catro Ventos.

Tras o coloquio na Leira, a Banda de Música de Rubiós marcaba os ritmos da sesión vermú, pero preferimos achegarnos ao espazo infantil a ver o que tiñan preparado para as crianzas.

Cores contos e Rock´n´roll foi o que nos atopamos. Pakolas con micro e a guitarra en man mentres Laura Romeo dáballe vida nos seus debuxos aos protagonistas das cancións.


A tarde comezaba cos acordes da guitarra de MJ Pérez, nun formato reducido e próximo no que non contou coa súa banda pero si estivo arroupada polo violín e caixa de Ailen Kendelman, o que dotou a actuación dun toque único.

   

Chisme, así se chama o novo proxecto do músico Fernando Epelde que foi o encargado de abrir os concertos do Invernadoiro. Musica electrónica que vai dende o grime ao hip hop mesturado con proxeccións que crean a atmosfera idónea para mergulláreste na súa música. Ademais este ano foi o encargado de facer a canción do festival: Falando de Cans que podedes ver no vídeo.

   

O seguinte en meterse no Invernadoiro foi Budiño para presentar o seu novo traballo, Fulgor. Un Budiño totalmente renovado que abandona a gaita para se pór diante dun teclado acompañado de guitarra e baixo, explorarando ritmos máis propios do pop que da musica tradicional que se acoplaban perfectamente co entorno de natureza do invernadoiro.

   

O día ía pasando mais rápido do que quixeramos, entre concerto e concerto xa nós achegabamos ao un dos momentos mais agardados do festival, o concerto da tarde no Torreiro das Estrelas. Este ano os encargados de pórlle ritmo foron Dakidarría, en versión acústica.

Ninguén podía agardar o que sucedeu no torreiro, unha banda chea de enerxía tomou o escenario e contaxiou todo o público, centos de persoas de todas as idades cantaban as súas letras e movíanse ao ritmo da súa música. Un concerto en acústico que nada tivo que envexar aos da formación completa, a enerxía voaba polo Torreiro para rematar como xa é habitual cantando todo o persoal o seu Terra.

   

Xa para finalizar a nosa andaina en Cans fomos até o Cans Voulevar, era a hora da actuación folk que todos os anos pecha este espazo, nesta ocasión tal honra recaeu nas Raiceira, dúas rapazas lucenses que reformulan a música tradicional unindo a pandeireta e pandeiro ao son do chelo.


FOTOS: Xabicas

TEXTO e VÍDEOS: Martín Rodas

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto