Videocrónica do Revenidas 2019


Por sétimo ano consecutivo, fomos até Vilaxoán para o Revenidas. 16ª edición, con mudanza de datas e ameaza constante da chuva, que o día antes do comezo do festival estivo moi perto de obrigar á suspensión. Porén, e apesar de que o mal tempo mermou un chisco a asistencia, o Revenidas foi avante e máis unha vez sardiñas, música, circo, mar e praia foron os protagonistas.

Dezaseis anos cumpría o Festival Revenidas, e por sétimo ano consecutivo fomos ata Vilaxoán para contarvos o que alí acontecía. Este ano o festival mudou as datas, adiantándose unha fin de semana, que xunto coa ameaza de choiva que recaía sobre o país esa fin de semana fixo que este ano non se achegara tanta xente como estamos acostumados a ver. Iso sí, os que se achegaron desfrutaron de moreas de grupos, moitos deles descoñecidos por estes lares, sardiñas, circo, praia e sobre todo dun calor e un bo tempo que desmentía calquera predición.

O venres comezaba con malas novas, xa que debido ao vento tívose que inutilizar o escenario principal, polo que todos os concertos pasaron a ser no outro escenario coa reorganización de horarios e cambios de bandas que isto supón, ben solucionado coa actuación nos cambios de grupo de La Duendeneta, que facía que a festa non parase. As encargadas de abrir o festival foron as rapazas do Flow do Toxo, un dos concertos que máis nos sorprendeu, con menos dun ano como grupo, estas catro rapazas puxeron a todo o festival a bailar seguindo as súas cancións feministas, un directo potente no que se comeron o escenario. Loitaron contra a maldición de ser o primeiro grupo do festival e arrastraron centos de persoas a ver o seu show, e seica deberon gustar moito, xa que ao acabar o concerto formouse unha cola para mercar as súas camisolas.

Xa o sábado e mentres o recendo das sardiñas comezaba a invadir o Parque de Dona Concha, subía ao escenario Thomas Dylan & Balea, unha banda viguesa que mestura o rap coa electronica entre outros.

As sardiñas comezaban a saír do lume, o parque estaba a reventar de xente para a tradicional sardiñada das revenidas, momento no que irromperon as Brasicca Rapa co seu pasarúas.

A noitiña no recinto dos concertos abría esta xornada de festival a banda local TNT, catro mozos que como eles din chegou para quedar e dar guerra a todos eses sons pregravados, as voces apañadas con autotune, as melodías repetitivas e faltas de sentido musical e ao postureo que se estila hoxe en día. E fanno como mellor saben, con dúas guitarras, un baixo, unha batería, distorsións, unhas letras comprometidas e unha enerxía en directo que merece a pena sentila. Parte de esa enerxía sae de Iñaki, un dos compoñentes do grupo e que é o famoso Iñaki que medraba a golpes de rock ´n´ roll da canción Terra de Dakidarria, tema que por certo subiron a tocar cos seus discípulos.

Quenda para Talco, os Italianos fixeron o que mellor se lles da, poñer a todas a bailar.

Os vigueses Skacha que levan activo dende alá polo 91 voltaron recentemente aos escenarios e xa había ganas de velos pero non só nós, senón que foi un sentimento compartido polas asistentes ao festival. Voltaron e voltaron con forza tralo parón do 2011. Cinco persoas na formación e moito punk, A ferro e lume!!

Pecharon este segundo día do festival os da Vila do Tea, que co seu rap e o seu lume deixaron o festival patas arriba.

A sesión vermú do domingo iniciábase cun espectáculo para as crianzas, os xa coñecidos dos festivais Peter Punk e Brais das Hortas fixeron o seu Concerto Punkinfantil para deleite dos máis pequenos.

Tras a diversión dos pequenos e non tan pequenos seguiu a festa no parque, Dubidaría facía acto de presencia co seu acústico, un espectáculo que non ten nada que envexar aos seus concertos eléctricos, a mesma forza e enerxía pero mais cércanos ao público. Sen dubida un dos concertos mais espectaculares do festival, e se o día anterior subían eles a tocar cos TNT agora eran estes os que subían con eles.

A xira despedida dos Nao non podía saltarse o Revenidas, o festival que tantas veces os viu no seu escenario. Como xa nos teñen acostumados nesta xira un concerto cheo de colaboracións no que fan o repaso polos seus temas mais icónicos.

Quenda para o enérxico punk-folc dos Bastards on Parade. Xa lles tiñamos ganas e ben demostraron que se papan o escenario, seguen a presentar o seu “Cara a liberdade”. Un disco que recomendamos se non o tedes escoidado ;)

Outro dos asiduos do Revenidas e O Leo, o punk de Matamá tocou as súas cancións mais clásicas eata fixo unha colaboración con Peter Punk e Brais das Hortas.

Os ritmo tropicais tomaron o festival da man dos Jinetes del trópico, Cumbia, reggaeton antimachista e punk tropical, mesturado con pulpeiras ou furanchos, que puxeron a todo o festival a cadelear.

Unha finde intensa chea de música, onde ademais dos grupos xa mencioandos descubrimos outros como Mal eleve, Chocolate remix , Doctor krapula, ou redesfrutamos cos xa míticos Gogol Bordello, e que nós deixan con ganas do Revenidas 2020 e ver con que nos sorprende.

VÍDEO: Martín Rodas e Isaac Pazos


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto