Vídeo resumo das Nosas Músicas de Couso

GZmúsica non parou no verán. Andamos de festival en festival para vos traer todo o que acontece no verán festivaleiro galego. Hoxe, toca unha festa á que nunca foramos nos nosos 8 anos de vida, mais nun lugar que si que visitaramos xa hai uns meses: Couso, na Estrada, ao pé do Ulla. Alí celebrouse o Churrasconcerto hai uns meses e aló, o pasado agosto tivo lugar unha nova edición d'As Nosas Músicas. Velaquí tedes o noso vídeo resumo!!

Este verán tocou por primeira vez visitar o festival As Nosas Músicas de Couso, na Estrada. Xa cando foramos ao Churrasconcerto, organizado pola mesma asociación, A Xesteira, e no mesmo lugar, nos falaran do especial que era este festival e convencéronnos para que este ano non o deixásemos pasar. Este festival é o paraíso dos bailadores, nun entorno rodeado de natureza engalanado para a ocasión, unha carballeira onde acampar, unha leira onde meter a túa furgo e un torreiro onde baillar toda a noite.

Comezou a facerse no 1996, cando a comisión de festas da parroquia de Cousa deuse conta que cada ano asistían menos xente a verbena con orquestras e decidiron probar outra cousa e tirar cara a música tradicional. O cambio foi para ben e cada ano As Nosas músicas congregan a preto de 3.000 persoas no torreiro da festa dispostas a bailar coa nosa música.

O festival non e só música, xa pola tarde podemos desfrutar de xogos tradicionais, mostras do Entroido do Ulla e obradoiro de iniciación ao baile co que prepararse para os concertos da noite. Xa pola noite os grupos pasaban polo escenario e os bailadores tomaban todo o torreiro da festa, que quedaba sen un oco libre.

MELIDAOS

OS DA PORFIA

COMANDO CURUXÁS

CAMPAMTES DA BAÑA

Entre grupo e grupo os encargado de manter o ritmo de festa foron os rapaces da Fanfarria Taquikardia, que cos seus ritmos balcánicos acompañados dos Papamoscas de Art-moniun non deixaban decaer a festa.

Pero ao rematar os concertos non remataba o festival, se non que era o momento da foliada, comezáronse a sacar os instrumentos e a montar festa ata ben entrado o día. Outra data a ter en conta na nosa apretada axenda. Até o vindeiro ano!

VÍDEO: Martín Rodas & Isaac Pazos

TEXTO: GZmúsica

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto