Estivemos no Agrocuir da Ulloa


A chuva e a poalla non paran de nos lembrar que estamos xa no outono. Porén, hai apenas uns días gozabamos do verán festivaleiro polo país adiante. Aínda temos moitas cousas que vos contar daquelas noites de música, bo ambiente e festa. Por exemplo, temos que vos falar do noso paso polo Agrocuir da Ulloa que máis un ano mudou Monterroso na capital das reivindicacións LGTBI+ galegas os pasados 30 e 31 de agosto.


Un ano máis –e van seis- Monterroso converteuse na capital das reivindicacións LGTBI+ co Festival Agrocuir da Ulloa. Un festival ao que non tiveramos o pracer de asistir e que nos deixou moi bo sabor de boca e ganas de repetir o vindeiro ano. Non tiñamos a cámara desta volta, aínda así traemos algo gravado co teléfono para ilustrarvos.

Video resumo

Comezaremos falando das zonas de acampada, que as había e para todos os gustos. Desde a de balde até o camping ou zona con árbores para furgos e autocaravanas ao lado do río e da piscina, A Peneda e un bo lugar sen dúbida para desconectar antes ou despois da festa, con baños e duchas. Dende alí podíase coller o bus do festival que che levaba ao centro da vila, esquivando uns 15 minutos de subida ao sol, que podían ser 25 se tocaba ir até o souto o segundo día.

No día 1 os concertos tanto de Mounqup como de Boyanka Kostova foron no palco da música no centro para no segundo día dar paso a unha romería popular no souto do Caracacho con contacontos, espectáculos como “Tabú” ou máis música da man de Laura Lamontagne e Pico Amperio que nos sorprenderon coas súas versións electrónicas das famosas cantigas medievais. Tamén había postos de venda, reivindicativos ou de comida. Un bo lugar onde pasar a tarde.

Baixando dende o Souto podiamos atopar o centro da vila con cantos de taberna polos bares e rúas, ateigadas de bailadorxs que nos levaron ata o concerto de OMIRI, para nós un grande descubrimento da folclórica portuguesa con ritmos electrónicos ademáis de proxección dos samples que ía utilizando, moi recomendable, deixámosvos un exemplo:

Despois do concertazo de Omiri a festa rematou na Peneda coa sesión golfa que se alargou ata case que o día seguinte. Quedamos con ganas doutra!


vídeo e texto: GZmúsica

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto