Rastreros, Papaqueixos e Diplomáticos no Castañazo Rock de Chantada

Non, señora. Non é un deja vù. Simplemente é unha boa nova :-) A xente do Castañazo deu en pensar que non había mellor xeito de celebrar o décimo aniversario do seu festival ca cun concertazo que xuntará en Chantada o vindeiro 3 de novembro o melloriño da historia do rock galego. Os Rastreros de Chantada, Os Papaqueixos e Os Diplomáticos de Monte Alto quitaranlles o po ás vellas melodías que nos fixeron felices hai anos para nos facer tolear de vez este ano en Chantada. Xunto a eles Cuchufellos e os Liviao de Marrao completan un cartaz histórico.


A historia do rock do país está ineludibelmente unida a Chantada. Nesta vila do interior, concretamente na parrillada Caballero da parroquia de Viana, autodefiníronse Bravús unha serie de bandas galegas que na altura, 1994, facían rock en galego. Moi pouco do que existe hoxe en día arredor da música galega, -con certeza, tampouco este webzine-, terían xurdido sen aquelas primeiras edicións do Castañazo que entre licor café, frío e rock alicerzaron a música galega do século XXI. Agora, recuperado o festival no 2007, -coa volta dos Rastreros-, despois de varios anos de parón, a organización quere festexar a décima edición con 3 dos piares de toda aquela historia.

Os Rastreros, esencia punk e orghullo da terra, volverán de novo, 5 anos despois de se xuntar tamén para o Castañazo. De volta Tratorada, O Sacristán de Basán, Santa Cona e todos eses temas que o tempo convertiu en himnos escacharán a xiada na noite chantadina. Cuns anos e cun quilos de máis, pero coa rabia de sempre, Helétrico e compaña arrasarán de certo, por ser quen son e por tocaren na casa.

Os Papaqueixos, que levan sen tocar xuntos desde que volveron ao festival de Monfero, o 31 de outubro do 2009, son quizais os que máis van sorprender aos que non os viron no seu retorno ao pé do mosteiro de Santa María. O feito de continuaren Amil e Antón a tocar xuntos, -en Ultraqäns e nos 3 Trebóns-, fai que o grupo non semelle tan desengraxado como lles pode pasar por momentos aos demais. Albíscase unha chegada á tolemia xeral co Sito Miñanco, preso político, só comparábel á que vai producir a Tratorada dos Rastreros.

E por último, os Diplomáticos con Xurxo Souto á fronte. Pouco que dicir da banda capital do rock galego dos últimos 20 anos. A forza telúrica que é quen de xerar o líder dos coruñeses volverá a se espallar entre o público como acontecía nos seus directos dos 90 ou como aconteceu na súa volta hai tamén uns anos, para o Reperkusión.

Completan o cartaz os chantadinos Liviao de Marrao e os Cuchufellos, sucesores daquela xeración Bravú que puxo o rock galego no mundo. Máis info na web do festival. Ah! e por descontado que GZmúsica vai estar aló. Malia sermos da costa, sentimos unha atracción especial polo licor café, o frío e o rock...

Actualizado a petición do Cao de Mos cun tema dos Cuchufellos :)

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto