9 e 10 de maio, volve o Freixo Rock!!

Hai 20 anos, había unha cita inexcusable para a mocidade de Vigo e bisbarras colindantes. Na derradeira aldea da cidade, moit@s descubriron/descubrimos o pracer polos festivais de música da man do Freixo Rock. Agora, despois de anos de intermitencia con edicións apenas no 2008 e no 2011 o Freixo Rock volve con folgos renovados a fin de semana do 9 e 10 de maio.

O Freixo é a derradeira aldea de Vigo. Pertencente á parroquia insubmisa de Matamá, moit@s descubrírona cando a incineradora da vergoña deixou de funcionar hai uns 20 anos. Atrás do fume e dos maus cheiros agachábase unha aldea perdida entre a vexetación que aínda hoxe sorprende as persoas que divisan Vigo desde O Morrazo ou desde as praias da cidade. Aló, separada da contorna rurubana da cidade por masas de piñeiro e eucaliptos, érguese unha aldeíña, desas que resisten agora e sempre ao invasor. Nela gozamos moit@s da nosa primeira experiencia festivaleira, atraídos até o monte por unhas pintadas simples e efectistas, que os da Peña Freixo colocaban estratexicamente na cidade. Por moitos anos estivo, se aínda non está, a que fixeron no túnel da Praza dos Cabalos. Aló foron as primeiras acampadas festivaleiras, os primeiros pogos con narices rotos (que llo pregunten a unha das nosas colaboradoras máis frecuentes), as primeiras fins de semana dedicadas en exclusiva á música.

Este 2014 poderemos gozar dunha nova edición do Freixo Rock. Nos últimos anos o evento perdeu continuidade, sendo as últimas edicións no 2008 e no 2011. Esta última, foi levada a cabo durante a homenaxe ao querido Juan de Freixo, quen fora cabeza destacada na organización do festival. Pero este ano aquí están de novo: o 9 e 10 de maio, todos e todas ao Freixo!

Se cadra, esta edición lembra aquelas primeiras veces que se celebrara o evento, xa que podemos ver como no cartel hai unha gran variedade, incluíndo un monólogo e 11 grupos de diferentes estilos e orixes, entre os cales atopamos dous moi potentes chegados de fóra de Galiza. Se historicamente pasaron polo festival grupos do talle de Reincidentes, Boikot, Skalariak, Porretas ou Skarface, por poñer algún exemplo, este ano os cabezas de cartel son The Locos e Fe de Ratas.

O venres 9 ás 22.00 todo comeza cun monólogo de Avelino González e logo pasarán polo escenario os seguintes grupos: R.I.F. (Punk Rock - O Freixo), Liviao de Marrao (Rock Bravú - Chantada), Fe de Ratas (Punk Rock - Asturias) e Tiro na Testa (Punk Rock - Lalín). Ademais, mentres se realizan os cambios destes grupos, intervendrá o Cé Orquestra Pantasma (Home festa - O Freixo).

O sábado, a partires das 21.30, actuarán: Rockin' for Tangas (Hardcore Festivo - Valadares), Skandalo GZ (Punk Ska - Ponteareas), Falperrys (Punk Folk Tabernario - Vigo), The Locos (Ska Punk - Madrid) e Demencia Sonora (Punk Rock - O Freixo). Nesta ocasión será a Fanfarria Taquikardia (Vulcánica Extrema Festeira - Galiza) quen amenice as pausas.

Na Peña Freixo traballan arreo: organizan baixadas de carrilanas e bingos, montan postos de bebida e comida en festas varias, venden rifas... incluso chegan a atreverse cun Tuppersex! E todo isto fano para poder ofrecervos dous días de festa totalmente de balde, con zona de acampada, carpa e unha gran combinación de artistas. Así que xa sabedes!!

Vídeo de Galiza Contrainfo da homenaxe a Juan do Freixo




Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto