A Empolada, unha nova tolería para un Reper cargado de boa música

No Reper argallan o xogo máis salvaxe da historia do festival. E desta volta, se queres xogar, terás que andar polo lado máis bestia vestido con pico e plumas. Mestura o entroido ourensán, os xogos de verán e mais o liderado anárquico do Leo i Arremecághona e terás unha idea da que van montar en Bemposta. Ademais, participar ten premio. Non perdas a última tolería do Reper, a Empolada!!!

  O Reperkusión anuncia a dúas semanas da celebración da súa 12ª edición un novo prato forte: a Empolada, “o xogo máis salvaxe da historia do festival”, en palabras do seu director, Emilio Oro. Todas as persoas que asistan ao Reperkusión, que se celebrará os días 11, 12 e 13 de xullo na Cidade dos Muchachos de Bemposta (Ourense), e teñan ganas de refrescarse, de pasalo ben e de converterse en polos por un día poderán participar neste divertido concurso que comezará cunha refrescante batalla, para a que a organización porá a disposición dos participantes máis de 10.000 globos de auga. Unha vez empapados, os participantes continuarán a guerra con 500 quilos de fariña. E despois pasearán ata o corral, onde serán rociados  con confeti de plumas. Os 200 mellor caracterizados recibirán un pico de recoñecemento co que rematarán totalmente empolados. E, de entre eles, o público elixirá o Rei Polo e a Raíña Pola nunha cerimonia dirixida polo Leo i Arremecághona. O popular músico galego, que forma parte de múltiples proxectos como Labregos do tempo dos Sputniks ou Das Kapital, actuará como Polo de Cerimonias, marcando as normas deste tolo xogo de tronos. Os Monarcas Polos recibirán un Bono Pandilla, para acudir xunto co seu séquito ao Reperkusión 2015.

Alén da patxanga e a rumba de formacións coma Muchachito Bombo Inferno, Kimbala -interesante combo francés cun galego nas súas ringleiras- ou Manu Chao -que tripite no Reper-, a organización volveu pescudar na música europea máis festeira -ás veces pouco coñecida no país- para nos traer até Ourense bandas coma os alemáns Dirty Honkers ou o espectáculo percutivo-teatral dos portugueses Crassh. A presenza galega será como sempre numerosa, variada e de calidade: Terbutalina, Cuchufellos, The Turre's band, La Banda de Andrelo, Los Bichis, Colectivo Bomba, Funkombo e Hadri Hache, no musical e 8mm Teatro, Supergalácticos e os incríbles números circenses de Troupe Sky, no escénico. Durante o día, actividades de diversas disciplinas encherán as rúas da Ciudade dos Muchachos: xogos, obradoiros, ioga da risa, a tradicional Olimpiada de Malabares e música, moita máis música.

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto