Á venda os bonos do Womex 2014

Saen á venda os bonos para o WOMEX 2014, que permitirán gozar de 45 concertos durante tres noites. O FEstival WOMEX desenvolverase do 22 ao 26 de outubro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e en varios espazos de Santiago de Compostela. O Womex é unha grande feira profesional, mais os concertos de noite estarán abertos ao público. Iso si, apenas  á venda 200 bonos para 45 concertos en 3 días que terán lugar en espazos como a Praza da Quintana, o Auditorio Abanca, o Teatro Principal, o Salón Teatro ou a Sala Capitol.

Xa só queda un mes para que comece na Cidade da Cultura de Santiago Compostela a vixésima edición de WOMEX, a maior feira internacional das músicas do mundo. Terá lugar do 22 ao 26 de outubro, e nela atoparanse 300 artistas, entre eles os galegos Uxía e Davide Salvado, ademais do zanfonista residente en Galiza Germán Díaz.

WOMEX, ademais da feira profesional no recinto do Museo Centro Gaiás durante o día, abrangue 45 concertos durante tres noites (xoves, venres e sábado), en diferentes espazos da Cidade Vella: Praza da Quintana, Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio Abanca e Sala Capitol. Para gozar destes concertos saen hoxe á venda os bonos a 55 euros, e o día 1 de outubro sairán á venda tamén as entradas de día, pero só para os concertos na Praza da Quintana. Así, o xoves poderase ver a Ajinai (China), Cesária Évora Orchestra (Cabo Verde), Ed Motta (Brasil), El Gusto Orchestra (Alxeria/Francia), Guayo Cedeño & Coco Bar (Honduras), Mayito Rivera & The Sons of Cuba (Cuba), Otava Yo (Rusia), Raúl Rodríguez - Razón de Son (España), Spiro (Reino Unido); dentro da Atlantic Connections, escenario local, estarán Custódio Castelo (Portugal), Germán Díaz - Método Cardiofónico (España), La Chiva Gantiva (Colombia/Bélxica). Ademais, na sección Off WOMEX, Lleuwen (Reino Unido), Rura (Reino Unido) e Volosi (Polonia).

O venres, os espectadores poderán gozar da música de Baloji (República Democrática do Congo/Bélxica), Batida (Angola/Portugal), Džambo Aguševi Orchestra (Macedonia), Ethiocolor (Etiopía), Kuenta i Tambu (Curação/Países Baixos), Maru Tarang (India/Australia), Noreum Machi (Corea do Sur), Oum (Marrocos/Francia), Sékouba Bambino (Guinea-Conakry/Francia); dentro do Atlantic Connections o grupo folc biscaíno Korrontzi, a cantante galega Uxía, e o grupo de música tradicional mediterránea Zoobazar; e na Off WOMEX, o grupo sudafricano Abavuki, Geng Wak Long (Malaisia), e Paulo Flores (Angola); por último, na DJ Summit estarán Isa GT (Colombia/Reino Unido) e Rebel Up! Soundclash (Bélxica/Países Baixos).

Por último, o sábado serán os concertos dos mexicanos Bostich + Fussible from Nortec Collective, o galego Davide Salvado, Ester Rada (Israel), Kareyce Fotso (Camerún), Lula Pena (Portugal), Orkesta Mendoza (EUA), Söndörgo (Hungría), Tribu Baharú (Colombia) e Troker (México); no Atlantic Connections Calima (España), La Yegros (Arxentina) e Sertanília (Brasil); o Off WOMEX, co título Nordic Club, xuntará a Dreamers' Circus (Suecia/Dinamarca), Gjermund Larsen Trio (Noruega) e Tarabband (Iraq/Exipto/Francia/Suecia), e na DJ Summit estarán Den Sorte Skole (Dinamarca), DJ Marfox (Portugal) e Greg de Villanova (Francia).

A feira máis importante da industria musical do mundo

WOMEX atrae a uns 2.500 delegados e 1.260 empresas de máis de 90 países, entre os que hai 800 programadores, máis de 500 selos, editores e distribuidores, así como máis de 300 xornalistas, e 130 emisoras de radio. Acolle tamén un DJ WOMEX Summit, conferencias e ‘mentoring’ a cargo de 80 oradores e mentores de máis de 25 países; proxeccións de filmes, e outras actividades. Esta feira leva xa 19 edicións por toda Europa: Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Cardiff.

A súa vixésima edición, a primeira en Galiza, escolle Santiago de Compostela como escenario. Nestes 20 anos de historia, só unha artista galega fora escollida na selección oficial (Mercedes Peón no 2010), aínda que varios actuaron nela: Marful (2007), Mutenrohi (2008), Narf (con Manecas Costa, 2008) e Xosé Manuel Budiño (2013). WOMEX está organizado pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín (Alemaña), tamén responsable doutros eventos como Classical: NEXT (Viena), Porto Musical (Recife, Brasil) ou Atlantic Music Expo (AME), en Cabo Verde. Como socio local forma parte da organización Nordesía Producións. Outras entidades patrocinadoras e colaboradoras son: Fundación Cidade da Cultura, AGADIC, Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela ou a Dirección General de Industrias Culturales española, a UNESCO e a Comisión Europea, entre outras.

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto