O Reper volve a Bemposta

O festival Reperkusión está a 24 horas de comezar. Durante venres e sábado a música volverá tomar a Cidade dos Muchachos de Bemposta. Asian Dub Foundation Souns System, Dubioza Kolectiv, Dakidarría e Chotokoeu encabezan un cartaz feito, coma sempre, para nos ofrecer bandas cunha clara vocación festeira e potentes directos.

O Festival Reperkusión celebrará en 2015 a súa 13ª edición, os días 11 e 12 de setembro, e por cuarto ano consecutivo será na Cidade dos Muchachos de Bemposta, onde a organización se sinte xa como na casa. Trátase dun lugar moi especial, no que se desenvolveu un proxecto modélico de integración e compromiso social que tiña nas artes e no circo un dos seus piares. Un recinto con rúas dedicadas ao circo e ás artes, vivendas, espazos amplos, zonas verdes, edificios polivalentes, un domo espectacular e multitude de detalles.

Como vén sendo tradición no Reper, a oferta é moito máis ampla do que os concertos de pago da noite. Ambos os días haberá actividades de balde durante a tarde-noite, con música, circo, etc. que darán pasao despois aos concertos do escenario principal.

Entre as actividades de balde destaca a volta da Empolada, despois do éxito do ano anterior e co Leo de volta coma mestre de cerimonias, e mais unha nova tolemia da organización: a kazurrada. Tamén aquí vai ser un de Matamá, o Cé Orquestra-Pantasma, o encargado de argallalo todo. Non sabes que é unha kazurrada? O propio Cé explícacho neste vídeo:

O festival mantén a fórmula que o consolidou como un evento único: é un certame multidisciplinar que busca a orixinalidade en todos os estilos que acolle baixo o paraugas da mestizaxe cultural. No Reperkusión súmanse música, circo, humor, formación, compromiso... e por riba de todo bo ambiente e moita festa para todos os públicos.

O Reperkusión 2015 son dous días de programación continuada: dende o venres ás 19h00 ata a madrugada do sábado ás 05h00. Pechará así a tempada de festivais de verán coa súa popular mestura de músicas de todos estilos e procedencias.

O venres 11 pasarán polo escenario principal de Bemposta a furia e a mestura de estilos dos británicos Asian Dub Foundation Sound System, jungle, drum&bass, rap, reggae e sons propios mesturados con habilidade e enerxía por John Pandit (Pandit G), membro fundador da histórica banda; a Distorsión Party de ritmos tolos e divertidos dos gaditanos Trashtucada; a forza ska, a cadencia reggae e o espírito punk-rock dos Dakidarría; e a música electrónica do futuro, tocada con instrumentos primitivos, dos TranceUntes.

Dakidarría serán un dos pratos fortes do primeiro día.

O sábado 12 chegarán ao escenario de Reperkusión a cumbia, o ska e o punk dos latinoamericanos afincados en Barcelona Che Sudaka, referentes internacionais da música mestiza; a música balcánica afastada dos estereotipos dos bosnios Dubioza Kolectiv, que hai dous anos xa fixeran vibrar o público do Reperkusión coa súa personalísima mestura de hip-hop, reggae, dub, rock e folclore balcánico e que veñen presentar en absoluta primicia o seu novo disco, que sacarán a finais de setembro; o directo frenético con aires balcánicos dos valencianos La Trocamba Matanusca; a saborosa mestura de ska e reggae dos locais Maskarpone; e o balkan, rock, swing e drum&bass dos Chotokoeu, banda galega con futuro planetario.

Os Maskarpone abrirán a segunda xornada no escenario grande.

INFORMACIÓN PRÁCTICA

HORARIOS

Venres 11

Escenario de día (de balde)

19h00 George Palmer. Dub Corner

20h30 La Pacharanga.

No Escenario Principal (Só con entrada)*

22h30 Trashtucada

00h00 Dakidarría

01h45 Asian Dub Foundation Sound System

03h45 Tranceuntes

A partir das 05h30. Fin de festa con Brigada AM Sound System e Máis Lume Kolektive

Sábado 12

Escenario de día (de balde)

12h00 Obradoiro de malabares

12h00 Obradoiro de risoterapia

16h00 Sesión Vermú con Ménage à Trois

17h30 Empolada

19h00 Crespo. Dub Corner

20h00 Kazurrada

No Escenario Principal (Só con entrada)*

22h00 Maskarpone

23h00 Chotokoeu

00h15 Che Sudaka

02h00 Dubioza Kolektiv

03h45 La trocamba Matanusca

A partir das 05h30. Fin de festa con Hadri H e Máis Lume Kolektive

*Todas as actividades son gratuítas, menos os concertos do Escenario Principal.  

ENTRADAS

BONO 2 DÍAS + CÁMPING Anticipada: 25 €* Taquilla: 30 €

BONO 2 DÍAS Anticipada: 20 €* Taquilla: 25 €

ENTRADA 1 DÍA Anticipada: 15 €* Taquilla: 20 € * + gastos de xestión

Puntos de venda: www.reperkusion.com www.facebook.com/reperkusion Ourense: Café Cultural Auriense, Saborido Charcutería, Café Faíscas, Peggy Records (gastos de xestión: 0,50€) / Allariz: Fandiño Tapas / Xinzo de Limia: Feito Praza / A Coruña: Bule Bule (Campo da Leña), Discos Portobello (gastos de xestión: 1€) / Santiago de Compostela: A Reixa Tenda (gastos de xestión: 1€) / Lugo: Don Disco (gastos de xestión: 0,50€) / Vigo: Tenda Tipo Vigo (gastos de xestión: 0,50€) / Pontevedra: Lusco e Fusco 8

Os Dubioza recuncan no país co seu directo asoballador

TRANSPORTE

A organización disporá unha zona de aparcamento no Pavillón Paco Paz. Por alí pasarán os máis de 100 buses cos que Urbanos de Ourense unirá a cidade e Bemposta durante todo o festival. Pódense consultar os horarios dos buses urbanos na web do festival. Máis información en Urbanos de Ourense. Pódese ver o mapa da cidade e o percorrido das liñas neste link. Recordade, liñas 14, 33 e 25A. O Especial fará un percorrido similar ao da liña 12. RECINTO ZONA DE ACAMPADA A organización do Reperkusión habilitará unha zona de acampada en Bemposta, no mesmo lugar do recinto dos concertos que estará aberto do venres 11 de setembro ás 12:00h ata o domingo 13 ás 16:00h. A acampada polos dous días ten un custe de 5€ e para ter dereito a acampar hai que mercar o bono de 2 días + cámping. No caso de que haxa espazo dispoñible, permitirase ás persoas que só vaian un día adquirir o ticket para ter dereito de acampada.

E para abrir boca, nada mellor ca o programa de GZmúsica TV que gravamos o ano pasado no Reper

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto