Festivaleiros xa está aquí!

Á xente máis nova de GZmúsica córrelle a cabeciña máis ca o almanaque. Aproveitando o parón do noso programa de TV, embarcáronse na ruta festivaleira galega para facer esta reportaxe das festas galegas máis poderosas, co apoio do programa Iniciativa Xove da Xunta. Unha olladela á realidade na que vos movedes todas vós... e nós, @s festivaleir@s do país.

Festivaleiros.eu é un proxecto que tenta dar unha visión dunha realidade existente, a dos festivais de música do país, que normalmente non ten oco nos grandes medios de comunicación. Alén de citas moi consolidadas e dos grandes nomes -Ortigueira, Port América, Resurrection,...- existen por volta dos 200 festivais en practicamente todas as bisbarras galegas. Curiosamente, as zonas rurais e as pequenas vilas son o epicentro destas festas que foxen das grandes cidades. Así, Vilariño no Hío, Vilaxoán de Arousa, Maceda de Trives, Guitiriz, Zas, Chantada,...son os nomes propios duns eventos que, no caso dos históricos Pardiñas ou Carballeira de Zas, xa pasan dos 30 anos de vida. E sempre cunha filosofía de apoio ás músicas do país, con entradas moi económicas ou directamente de balde e organizados todos eles por asociacións ou outras organizacións sen ánimo de lucro. Quizais por iso viven nunha zona escura para os mass-media. Non hai negocio aquí, nin apenas axudas institucionais. Constrúense desde o traballo en común das persoas e son exemplo de autoxestión e de cultura popular. 

Coincidindo co auxe que está a ter no século XXI a música en galego, os festivais están a vivir tamén unha época dourada. Cada vez máis colectivos decídense a facer un na súa zona, achegando aos recantos de Galiza músicas lonxe do mainstream. 

Desde festivaleiros.eu, Martín Rodas e Isaac Pazos preséntannos máis de 3 horas de documental -dividido en 3 partes- onde músicas, organizadoras e público falan da situación da nosa música e dos nosos festivais. Imaxes gravadas durante 2014 e 2015 nun feixe de lugares, para tentar achegar unha visión da música en Galiza neste tempo.

Vilariño, Pardiñas, Zas e Festas do Cristo de Cangas protagonizan o primeiro programa, dedicado aos festis de ambiente máis familiar.

Revenidas, Festival da Liberdade, A Rebusca, Castañazo Rock e Candeloria, teñen cabida na segunda parte de Festivaleiros.

E por último, o Reperkusión de Bemposta protagoniza a derradeira parte de Festivaleiros.

Imaxe: Xabicas

{fcomments}


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto