Cantos na maré 2016 foi apresentado no Culturgal

A pasada edición do Culturgal, que se desenvolveu en Pontevedra entre o 4 e o 6 de decembro, foi o marco escollido para a presentación do Cantos na Maré 2016. Na edición deste ano a guineana Karina Gomes ou a brasileira Thäis Morell traerán as súas músicas até a Galiza. E polo noso país, Uxía e Narf, coas Baladas da Galiza Imaxinaria. A cita será o vindeiro 16 de xaneiro.

Cantos na Maré é unha oportunidade para ampliar horizontes. Xa o dixo Manuel María, o autor ao que se lle renderá homenaxe nas Letras Galegas do ano que vén: o idioma é a chave  coa que abrimos o mundo. O galego­portugués é a nosa chave para abrir e pasar sen chamar as portas das casas que hai noutros mundos. Casas que están en África,Europa, América, Asia... e que falan o mesmo que falamos nós. A lingua é esa chavemestra  que o abre todo. É o noso modo de estar , pensar, falar, amar... e entender a música como convivencia, festa e intercambio. Cantos na Maré 2016 será unha nova ocasión para gozar dun encontro coa música dos países lusófonos e saborear a súa variedade e riqueza. É tamén, desde o seu nacemento, a festa da lingua que nos une.

Quen veña a Pontevedra, a cidade das pontes, descubrirá a vitalidade e forza do noso idioma cos seus distintos sotaques e ritmos. Saberá que a música segue a ser unha ferramenta moi valiosa para a comunicación, para expresarse sen complexos, sen fronteiras e coa esperanza de conectarnos máis e mellor. O festival pretende crear un entorno fértil para o coñecemento, a amizade e a irmandade, un espazo para estreitar lazos e enriquecérmonos mutuamente.

Karina Gomes é a revelación da música lusófona neste 2015.

Nesta edición achegaranse cantautoras, cantautores e artistas de referencia destes territorios e faremos da creación propia o centro de Cantos na Maré. De Guinea Bissau, Karina Gomes, a máis recente revelación da música africana da lusofonía, que co seu disco de estrea, producido polo director musical de Cantos na Maré, Paulo Borges, acadou un grande éxito de crítica e público. Vainos sorprender ademais unha creadora orixinal e única, a tamén brasileira Thäis Morell, que nos trae as súas cancións afastadas de clixés. Ademais é unha guitarrista e frautista excepcional. E desde Galicia chegan as Baladas da Galiza Imaxinaria de Uxía & Narf. Haberá algunha sorpresa máis que se irá descubrindo pouco a pouco para facer un novo Cantos na Maré único e irrepetible. Nós abrimos co galego as portas das casas do mundo, pero os músicos do mundo tamén veñen coa súa propia chave a abrir a casa da lingua que lles ofrecemos aquí.

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto