O Festival Taíña abre a temporada de festivais en Goián

A décimoterceira edición do Festival Taíña terá lugar este vindeiro sábado 6 de febreiro en Goián. Entrada de balde para unha noite na que pasarán polo escenario da praza de Goián os galegos Kill me Truck, os valencianos La Trocamba Matanusca e os catalo-arxentinos Red Ras. Como todos os anos, a cita de Goián abre o calendario festivaleiro galego nun mes no que tamén se celebrará o festival da Candeloria en Lugo os vindeiros 19 e 20 de febreiro.

A primeira proposta festivaleira para febreiro, o Festival Taíña de Goián é xa case un clásico, pois a deste ano será a décimo terceira edición. O Taíña sempre é unha escusa para se achegar até a beira do Miño, escoitar boa música e catar o licor de cilantro. Carpa, entrada de balde e un cartaz que adoita acoller bandas do país e de fóra, non de moita sona pero sempre propostas interesantes, unha escolla ecléctica e afastada do que se adoita ver noutros festivais. Así, este ano estarán os Kill me Truck, transitando os vieiros do blues e do rock máis clásicos –e cinéfilos- desde A Guarda.

A banda “local” estará acompañada no escenario polos valencianos La Trocamba Matanusca, música gipsy e balcánica con protagonismo absoluto dos ventos e convite permanente ao baile, e por Red Ras, cumbia con epicentro en Barcelona mais con orixe na Arxentina.

Ademais, por segundo ano, a Asociación Cultural A Taíña edita un disco, con máis de vinte bandas –moitas delas que están ou estiveron xa no festival-, co obxectivo de axudar a financiar todo o evento. Bandas galegas, do Levante, brasileiras ou francesas cederon un tema para esta recompilación que se pode mercar o propio día do festival, o vindeiro 6 de febreiro, sábado de entroido, a partir das 22:30h na praza de Goián.

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto