Aí vén o Freixo Rock!

6 e 7 de maio terá lugar unha nova edición do Freixo Rock. Despois do parón no 2015, a Peña Freixo volve traer unha proposta contundente e variada no musical para un festival que ha contar con acampada de balde e carpa para os concertos neste 2016. Liska, Keltoi, Cuchufellos, Skandalo GZ, Manifa desde Bilbao ou Desakato desde Asturias entre moitos outros pasarán polo escenario, que estará de volta no campo de fútbol ao lado do local da Asociación de Veciños do Freixo, en Vigo. 

Volve o Freixo Rock, referente festivaleiro ineludible para Vigo e bisbarra. Deixámosvos a nota de prensa que nos enviou a Peña Freixo, onde contan polo miúdo todo o que vai haber esta fin de semana alí.

Logo do último festival en 2014 na Peña Freixo tiñamos claro que queriamos que a seguinte edicón fora igual ou mellor, e aquí a tedes. Sen dúbida un cartel do máis completo, combinando numerosos estilos, procedencias, temáticas... Non vos vai faltar de nada.

Seguindo na liña xa marcada, o festival contará con dous días cargados de música, acampada de balde, comida e bebida a prezos populares e carpa, entre outras moitas cousas. Ademais, este ano temos unha actividade bastante especial e peculiar: unha sesión do que imos chamar "punkipilates", diversión asegurada! O festival comezará ás 21 horas do venres con esta aventura, 
continuando con concertos unha hora despois; o sábado será caña musical sen pausa dende as 21.00. O lugar elixido será de novo ó campo de fútbol situado á beira do local da asociación de veciñas e veciños de Freixo, rodeado de natureza.

Levamos dous anos traballando arreo para poder presentarvos un festival variado e de calidade sen que supoña unha ruína para ninguén, malia que por suposto agradecemos toda colaboración co festival; nesta ocasión realizar unha consumición será o único requisito para poder acceder ó recinto de concertos. Entre as actividades que temos organizando recentemente atópanse unha andaina terrorífica, baixadas de carros de bólas, bingos, un "tupper sex", montaxes de postos en festas como a Reconquista de Vigo ou a Brincadeira de Bouzas... facendo todo o que esta na nosa man para que isto sexa posíbel.


Pero imos ó gran, que ben sabemos que é o que en realidade importa: os concertos. Na xornada do venres atopamos un gran abano de artistas da terra: dende os Cuchufellos, de Manzaneda, até Cé Orquestra Pantasma, home festa do noso barrio, pasando por Ponteareas con Skandalo GZ e, por suposto, Vigo con Keltoi! e Os Podridos. En canto a estilos: Oi!, Punk e Ska xunto a música da Galiza.


Pola contra, o sábado o mapa esténdese e en numerosas direccións: dende Asturies chegará Desakato e seguindo ó leste aparecerá o grupo bilbaíno Manifa, mentres que Oferta Especial porá rumbo ó Freixo Rock dende Alcorcón. Teremos tamén grande representación viguesa nesta noite, con grupos como Liska! ou Ovos Podres, que acompañarán a outro da casa, Demencia Sonora, e o noso veciño de Matamá O Leo i Arremecághona.


Menuda festa vos agarda, que non volo conten!

Xa non queda nada, vémonos o 6 e 7 de maio!

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto