Persecución á Liberdade

Continúa o acoso da Garda Civil aos colectivos que traballan pola cultura no Morrazo. O instituto armado español vén de presentar denuncia contra as organizadoras do Festival da Liberdade e responsables da AC A Tiradoura pola celebración na vila de Cangas do II Festival da Liberdade, os pasados 13, 14 e 15 de outubro.

A nova aparecía hoxe na folla parroquial edición local do Faro de Vigo. A toda páxina e nunha tentativa clara de criminalizar os colectivos que traballan pola cultura no Morrazo, o xornal informaba dunha suposta falta dos permisos precisos para a celebración do festival e dun, tamén suposto, exceso de persoas na carpa instalada ao pé da casa do concello cangueira.

A denuncia do instituto armado español baséase na Lei 9/2013 do Emprendemento e da competitividade económica de Galiza, que no seu título terceiro recolle unha serie de normas para a regularización de espectáculos públicos e actividades recreativas. O que parecen descoñecer no cuartelillo de Cangas é que, despois do rebumbio organizado en comisións de festas, verbenas e festivais do país pola devandita lei, a propia Xunta publicou no 2014 un comunicado no que modulaba e suavizaba os requisitos fixados na norma que, de se aplicar con rigor, significaría a imposibilidade de realización xa non do Festival da Liberdade senón de calquera festival, verbena ou festa parroquial no noso país.

Así, e sempre segundo a nova publicada no Faro de Vigo, imputáselles ás organizadoras a inexistencia dun Plan de Emerxencia, dun Proxecto Técnico e dunha serie de requisitos a maiores que, como se pode ler con claridade no comunicado da Xunta, só son precisos para instalacións pechadas desmontables cando estas superan a capacidade de 2.500 persoas, non as 500 que sinalan desde o instituto armado español na súa denuncia. Se non fose polas implicacións económicas que poderían chegar a ter as denuncias -e non deberían, á vista da propia lei- e polo mal nome que lle dan ao festival, sería para rir o cúmulo de despropósitos que aparecen na nova. Falan de milleiros de persoas vidas de toda España e despois de apenas 30 tendas de campaña –non queremos imaxinar o tamaño desas tendas-, falan da existencia dunha soa entrada ao recinto, cando estaba claramente delimitada unha zona de acceso e outra de saída como puidemos comprobar persoalmente, falan da montaxe dun escenario móbil para o festival cando se empregou o que o concello ten alí habilitado para estes eventos, e así nun ensarillo de medias verdades e descoñecementos flagrantes da lei que só buscan criminalizar a Liberdade.

Desde GZmúsica puxémonos en contacto coa organización do Festival, desde onde salientan que contaron con todos os permisos oportunos para a celebración do mesmo, que foi comunicado tanto no concello de Cangas coma na Subdelegación do Goberno.

De feito, o Festival da Liberdade foi un máis dos diferentes eventos que, con carpa ou sen ela, foron celebrados no recinto público das Naves de Ojea ao longo dos últimos 2-3 anos. É rechamante que a Garda Civil poña tanto empeño en velar pola legalidade vixente neste festival, nunha actuación que se achega perigosamente ao acoso ás persoas asistentes, como puidemos comprobar de primeira man xa na primeira edición celebrada o ano pasado tamén en Cangas, na parroquia de Darbo. E é preocupante que estas prácticas afecten os eventos autoxestionados da comarca, pois tamén desde a organización do Morrasound de Moaña fixeron patente o seu descontento coa actuación desmedida do instituto armado coas familias e grupos que se achegaban aos concertos celebrados ao comezo do verán.

Á vista de cales son as actividades culturais que sofren este trato por parte da Garda Civil e tendo en conta o gran número de actividades que se celebran na comarca do Morrazo ao longo do ano, semella claro que a intencionalidade destas denuncias non é outra que a persecución dos colectivos que traballan pola autoxestión e pola cultura do país. É altamente preocupante o cariz político que teñen estas actuacións pois retrotráennos a épocas escuras ás que a sociedade morracense e galega non vai volver, por moito que se empeñen algúns.

S. Murias

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto