O Valse celebra por primeira vez o Festival da Cultura Independente

O festival terá lugar este venres 31 de marzo en Melide, na Sala A Fundación. O comezo está previsto para as 23:00h, o prezo da entrada é de 4€. Esta iniciativa nace para impulsar e visibilizar o talento emerxente presente en Galicia. Nesta primeira edición o cartel está composto por TikTak Teatro, Ivy Moon, MJ Pérez, ITH e Far Away Place.

O principal obxectivo é amosar o mellor de cada unha destas propostas ao público, é unha xornada centrada no intercambio e na suma, xa que deste tipo de iniciativas adoitan nacer sinerxias entre as diferentes propostas culturais.

Tamén pretende romper co que todos entendemos como “Festival” xa que non falamos de actuacións completas senón que unha pequena mostra do mellor de cada un, buscando así que o público poida coñecer novas propostas por medio das xa coñecidas.

 E todo isto ten como punto de partida as seguintes propostas:

-    TikTak Teatro

 Que veñen de participar na XIV Mostra de Teatro Amador de Vedra. Todo isto logo de acadar un segundo posto no Xuventude Crea 2016 coa súa última obra “Des-enlace”. Agora preparan a estrea da súa próxima obra que verá a luz en Santiago de Compostela na primavera.

 -    MJ Pérez

 Logo de acadar un segundo posto no VIII Concurso Musical da Deputación da Coruña e ofrecer concertos por toda Galicia, a artista arzuá está a piques de entrar en estudio para gravar o que será o seu terceiro disco.

-    Ivy Moon

Chegan tras un intenso 2016 no que se proclamaron gañadores do Imagine Spain en Barcelona. Isto convertiunos nos representantes de España na final internacional do Imagine Festival e asi foi que viaxaron a Croacia para defender a súa actuación na cidade de Zagreb. Agora a banda de Compostela atópase inmersa na súa nova xira “White Fire” neste 2017.

-    ITH

A xa coñecida banda de rock galega chega con máis forza ca nunca. Logo de sacar o seu primeiro disco de estudio “Forte” no 2016, agora comezan o ano presentando unha colección de Live Sessions gravadas ao vivo no estudo A Ponte. Con isto ITH pon punto de partida a unha nova etapa.

-    Far Away Place

Rock&Roll puro dende Ferrol. A banda gañadora do EISV Music´14 e do Outra+Outra 2015, preparan agora o seu primeiro traballo discográfico. Logo de percorrer xa toda Galicia e tocar en varias ocasións en cidades como Madrid, traballan para que o seu novo proxecto consiga ver a luz moi pronto.

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto