Ourenrock (2/3 de xuño de 2017)

Fin de semana fantástica en Bemposta co Ourenrock Sound. Bandas do país e foráneas, moi bo ambiente, milleiros de persoas e moitísima festa. Aínda non comezou o verán, pero notouse que a xente ten gana de festival e de bailar e cantar até caeren rendidas. GZmúsica estivo por aló e vimos cargadiñas de moito material para verdes o que foi o Ourenrock 2017. Vídeos, un feixe de fotos e a estrea da nosa nova reporteira, Alba. Aquí o tedes!



Boas familia!

Esta fin de semana estivemos no Ourenrock Sound, segunda edición do festival ourensán que traía no seu cartel grupos galegos como Dakidarría, The Skarnivals, Skandalo GZ, Rebeliom do inframundo, Maskarpone, etc. e outros grupos como Boikot, Zoo, La Raíz, etc. Unha proposta que prometía ser interesante e moi divertida, e para unha recén iniciada nisto dos festivais galegos, non defraudou nin un pouco.

VENRES 2 DE XUÑO

Chegamos o venres, despois de moito meditar, no coche; pois o festival daba a opción de coller buses directos dende as principais cidades de Galiza. Deixamos o coche no parking do recinto, por 5€ quedou alí parado os días do festival. O camping, ao lado do recinto dos concertos, acampada libre, con bastante sombra e moitos grupos de xente xa de festa. Tivemos moita sorte porque o sol estivo bastante escondido e as mañás nas tendas leváronse moi ben.

Unha vez xa instaladas e preparadas chegamos correndo xusto ao tempo en que comezaba Zoo, unha banda valenciana que aposta polo ska, rap e rock na súa propia lingua. Cun directo bo e divertido, desprendendo moita enerxía e facendo bailar un público moi entregado.

Despois chegaron Boikot, grupo madrileño dun rock máis clásico ca os anteriores, cun espírito festeiro e verbeneiro, cancións para bailar, cantar e berrar. Cunha posta en escena moi espectacular, o lume e o confete acompañaron a euforia colectiva.

Os últimos do noso venres foron Rebeliom do Inframundo, grupo galego de rap con temas con letras sobre o emprego e as súas miserias e a situación política e social actual. Deixaron en min unha sensación de enfado e rabia, enerxía e ganas si, pero tamén algo de frustración. Co seu grito de guerra Lume e Rebeliom, baixaron ata o foso onde remataron, con máis forza se cabe, o concerto.

O último concerto da noite foi Insolenzia, aínda que o corpo fixese que non quedásemos ata o final, destacar deles que foi o primeiro grupo no que vimos unha muller integrando o grupo. Aínda que non nos sorprende sempre paga a pena destacar a pouca presenza de mulleres no panorama musical e festivaleiro actual.

Despois de tanta festa, algunha que outra bebida e bastante cansanzo retirámonos ata o día seguinte.


SÁBADO 3 DE XUÑO

Tras unha noite de búsqueda incansable de ANTONIO!!!, día tranquilo, descanso, unha tapa de polbo para comer con Sesión Vermout, sesta e algunha copa na tenda baixamos á zona de concertos. Ademáis da música, alí tiñamos postos de mercadiño con merchandising, camisetas e bisuterias varias, ademais de comida e bebida a prezos populares. Coa tripa ben chea de patacas e moito kepchup empezou Maskarpone.

Aquí nos encontramos coa segunda muller entre os grupos do festival, gustaríame que contar o número de mulleres non fose tan fácil, nin nun festival nin en ningún outro sitio. Aínda era de día e a súa música alegre e divertida xuntouse cun público moi animado e disposto a pasalo ben, encantoume o momento foto de todo Maskarpone co público, como unha foto de familia despois dunha hora intensa e divertida.

   Vídeo con son ambiente


Despois chegaron La Raíz. Cun público moi numeroso e o escenario repleto de músicos comezaron case dúas horas de saltos, pogos, bailes, e coros entre o grupo e o público. La Raíz cantoulle á Cidade dos Muchachos a súa cancion El circo de la pena, ademais foi un dos grupos que máis interactuou co público.

Deseguido viñeron Dakidarría. Aínda que ao principio a xente non era moita, foi animándose o ambiente ata quedar un concerto case tan cheo como o anterior. Outro concerto ateigado de coros entre músico e público, bailes e festa, divertidos e incansables, tanto nun lado coma no outro. Remataron o concerto con Terra, momento no que todo o público sabía e cantaba a letra de arriba abaixo, un dos mellores momentos do festi para min.

Moi presente estivo en todos os concertos o que pasou o outro día en Santiago co centro social Escárnio e Maldizer, practicamente todos os grupos dedicaron un momento a dar voz ao sucedido e reivindicar: DEZ, CEN, MIL CENTROS SOCIAIS! E tanto Maskarpone como Dakidarría tocaron temas especiais relacionados co sucedido, para Dakidarría foi o momento de presentar a súa nova canción, gravada hai pouco neste centro social.

Rematan o festival The Skarnivals e Skandalo GZ e aínda que o frío, unha escordadura e o cansanzo puideron con este corpo a nosa outra enviada especial, Marta, asegura que foi festa continua, para ela os mellores da noite, ska e rock para bailar e cantar ata o final, fiarémonos dela.

Tamén destacar, dende a miña experiencia en outro tipo de música e festivais que se algo me queda na memoria, e xa van moitas cousas, foi a pouca cantidade de móbiles, redes sociais e postureos varios. Nos concertos víanse as mans e os puños en alto, e case ningún teléfono gravando, só os saltos e os berros. Porque aínda que parece mentira, ás veces estamos máis preocupados da foto para o Instagram que de gozar do momento. Así que si, moi boa experienica no Ourenrock, desconexión, troula, moita música e festa, e ata o ano que vén, lume!!

TEXTO: Alba G

FOTOS: Lavesedo

VÍDEOS: Martín Rodas

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto