Domingos de Sumrrá nas Crechas

Este domingo 22 de outubro a Casa das Crechas acolle un concerto de Sumrrá, que continúa a temporada de concertos os domingos neste local que comezou o pasado día 15. Recuncarán o 29, sempre ás 20:30h. Este trío, o grupo de jazz galego máis lonxevo e internacional, está formado polo pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido.



Os gañadores dos Premios Galegos da Música 2014 ao mellor grupo de jazz son unha formación cunha das traxectorias máis sólidas e constantes da escena jazzística estatal, cunha gran proxección internacional, como certifican as súas xiras por festivais de Bolivia, Francia, Bulgaria ou Sudáfrica e o seu paso por numerosos festivais como Festival San Juan Evangelista (Madrid), Johannesburg Joy of Jazz (Sudáfrica), Festival de Jazz ImaxinaSons (Vigo), Ciclo de Jazz 1906 (Valencia, Barcelona, Bilbao, Oviéu), Festival de Jazz de la Paz (Bolivia), Festival de Jazz de Santa Cruz (Bolivia), Festival de Jazz de Alcudia (Mallorca), Jazz Plus Festival (Bulgaria)... Sumrrá fórmase no ano 2000 e ata hoxe deixou atrás centos de concertos e catro discos, dous deles gravados ao vivo. Desde os seus inicios na cidade de Compostela, Sumrrá cautivou a crítica e público cun jazz inclasificable, melódico e moi aberto, destacando a orixinalidade das súas composicións, a calidade dos seus integrantes e a frescura dos seus directos. Sumrrá non entende de modas, de etiquetas, nin de estilos. Pasaron 14 anos desde a súa formación, que no jazz é moito tempo, desta feliz reunión, e o trío continúa reinventándose e alimentándose dos proxectos paralelos dos seus compoñentes.


DOMINGO 22 E 29 DE OUTUBRO

A Casa das Crechas 20:30h 5€

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto