AC Lucerna retoma o magosto en Cerceda

A pasada fin de semana non todo foi Castañazo Rock. Aínda que a cita de Chatanda congregou a maioría da tribo musiqueira galega, houbo moitas outras alternativas. E malia que tamén a maioría da equipa GZmúsica andou por Chantada, houbo quen estivo en Cerceda, no magosto da AC Lucerna, como Lety GF, vendo á Banda de Balbina, os do Xalo, Embruxo ou Os atrevidos da Barcala.

O pasado sábado 11 de novembro, mentres algunhas compas ían gravar un ano máis ao Castañazo outras optamos por eventos mais pequenos e familiares. Hei de recoñecer que me deu algo de pena perder a presentación do novo proxecto de Brais das Hortas e Peter Punk, pero vendo que a temperatura ía ser mellor en Cerceda que en Chantada, para aló fun.


Debía de haber polo menos 8 anos (os mesmos que eu levaba sen fallar a cita na terra brava) que a Asociación Cultural Lucerna non celebraba un magosto en Cerceda. E a verdade é que tivo boa acollida entre os veciños. Cando me acheguei ao Campo da Feira a maioría xa baixara algún vermute. Mentres as bandas da contorna  Embruxo e Os do Xalo,  petaban deseguido nos instrumentos, outras comezabamos encher o bandullo, pero os músicos seguían dálle que che pego.

Aínda estabamos coa sobremesa cando membros da Asociación Eco-Cultural Lacrar de Carral viñeron presentar o que están argallando.


E aínda que sexamos un webzine de música vou parar aquí. Porque cultura non é só a música, as letras e as artes, o idioma e os bailes. Cultura é a nosa contorna, a nosa terra e o noso rural. Disto vai tamén esta asociación, de tentar non deixar os monte “a monte e feixe” e de tratar retirar o eucalipto para que pervivan as especies autóctonas. Así que se sodes da zona norte da Galiza e tedes algún proxecto interesante creo que esta xente estaría ben encantada en coñecela, así como de se lles queredes botar unha man, nalgún proxecto que vos cadre preto. Non sei vós, pero dende logo eu non quero pasar outro cumpreanos máis respirando fume e vendo como se queiman os montes do outro lado da ría. E xa non se trata só de un tema de políticas forestais e de investimento cero en prevención dos lumes. Se non de coidar do noso e botar unha man na medida do posible.

Os nenos xa estaban a xogar coa xente de Paporrubio. A verdade que da gusto tropezarse con xogos tradicionais, que tanto entreteñen os cativos como os maiores (aínda que non lle deamos tanto xeito). Coa aparición da poalla houbo que apiñarse baixo a carpa. Uns aproveitamos para descansar un rato. Mentres outros aló quedaban a agardar polos contos de Anxo Moure e Servando Barreiro.


Cando retornei ao Campo da Feira estaban a probar son Os atrevidos da Barcala. Non tardou moito en subir o escenario A banda da Balbina. Hai ben anos que vin un concerto desta xente. E para ser sincera non tiña recordo dun concerto tan animado coma este. Música de verbena, para maiores e xuventude! Pero sen ser o típico coñazo de orquestra! Con muller empoderada á fronte que non deixa títere con cabeza. E é que entre tema e tema esmendrellabamos a rir. Tamén é verdade que non hai xeito de facer que un pasodobre verbeneiro deixe de  ter ese aquel  tirando a rancio… pero todo se pasa despois de quedar na cachola co “Estomballada”, canción que se pega máis rápido que o Lotite.

E xa para rematar era o tempo dos Atrevidos da Barcala. A estes nunca antes vira, pero si coincidiramos en Nou Barris con algúns membros. Mais non sei como che é a cousa os do folque nunca paran. Despois de rematar co concerto no escenario a cousa prolongouse a pé de chan.

E xa con isto, ata a próxima, “a veigha pa quen a queira!” pois nós quedamos de vernos nos torreiros das festas e festivais.

MÁIS FOTOS DO MAGOSTO DA AC LUCERNA

Texto e fotos: Lety GF


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto