Banda Xangai, primeira confirmación do Revenidas 18

O Revenidas 18 vai tomando forma. Nesta décimoquinta edición volverá haber máis de 30 actuacións e máis de 40 espectáculos, moitos deles de balde, coa combinación de propostas do país e foráneas tan típica do festival de Vilaxoán. Polo de agora, e en exclusiva de GZmúsica, podemos confirmarvos que a Banda Xangai vai estar no Revenidas deste ano. E as negociacións están tamén moi avanzadas cun grandísimo grupo de ska, internacional, que daría o seu primeiro concerto en Galiza no Revenidas.


A Banda Xangai naceu ao calor do 40 aniversario do Ateneu Popular Nou Barris de Barcelona, no fervedeiro de ideas e colaboracións galego-catalás que se artellaron arredor desa conexión "interoceánica" entre Galiza e Catalunya. Xangai era o nome que popularmente tiña o tren que conectaba estas dúas beiras da península e agora é o escollido para esta nova formación, que xa andou o ano pasado polo Incio, Compostela e Nou Barris, e que acolle no seu seo moitos dos integrantes de históricas formacións como O Jarbanzo Negro, Diplomáticos, Papaqueixos, etc.

A Banda Xangai, ao vivo no Incio no  2017.

O Festival Revenidas xa ten datas para celebrar a súa próxima edición: do 17 ao 19 de agosto. Trátase dun festival único, vencellado ás tradicións, que combina á perfección espazos de balde para o lecer de familias e de todos os públicos, cunha programación musical que inclúe importantes bandas internacionais, estatais e galegas e que, neste 2018, celebra os 15 anos do seu nacemento. O modelo de combinar actividades de balde para público familar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continúará na súa liña de explorar novos espazos con actividades vencelladas á vila e ao entorno no que se celebra. Na pasada edición, as 50 horas de música e actividades programadas pola organización nesta vila de 2.000 habitantes viuse reflictida nun impacto económico duns 1.400.000 euros, ademais dos 700 postos de traballo que xerou o festival (200 directos e 500 indirectos), que amosan o esforzo que hai detrás dos escenarios, espazos e actividades do festival. Nas próximas semanas, o Revenidas fará públicos os nomes das primeiras bandas que conformarán o seu cartel para 2018 e que celebrarán os 15 anos do Festival das Linguas.

FOTO: Banda Xangai

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto