Voodoo e Habelas Hainas na Sala Rebullón do centro cultural As Pedriñas.

O 10 de marzo, Lety GF e Xabicas cruzaron a ría para se achegar até o Rebullón. As do Morrazo non lles temos medo ás cicloxéneses, sobre todo cando da outra banda do mar agardan por nós dúas bandazas como Habelas Hainas e VooDoo. Pequena crónica, fotos e vídeo dos concertos neste artigo.

#8mfolgafeminista, baixo este hashtag anunciaban o concerto do 10 de marzo nas Pedriñas, en Mos. A cita era con Voodoo e Habelas hainas. Con algo de preguiza polo tempo e a cicloxénese, alá arrastrou de min o Xabicas e cruzamos a ría, máis tranquilamente do que agardamos hai que dicir, pero a cousa cambiou nada máis chegar ao Rebullón. O meu compa era primeirizo nestas bandas. Eu non, pero hei de dicir que moi a miúdo tampouco cadra a oportunidade de velas. Agardabamos ser 4 gatos co temporal que se levantara, pero aínda así facendo tempo na cantina viamos como ía chegando algo de xente a contagotas, e ao final unhas decenas de persoas aínda fomos.

Abriron Voodoo, segunda vez que as vía. Hei de dicir que nada que ver co concerto do pasado verán no Revenidas. Concerto cun son exquisito e unha gran limpeza acústica. Non digo que no revenidas o concerto non tivera mal son, pero este estilo faise tranquilo para tocar no medio dun festival, non tanto para igual abrir ou sesión vermú. O certo é que as coidadas harmonías desta parella creo que sempre van perder algo nun sitio que non teña unha boa acústica.

Ao igual que previamente aos concertos, entre un e outro puidemos ver imaxes do marabilloso 8M, especialmente fermosa a imaxe de Bilbo que aínda non vira.

Tras elas viñan as Habelas Hainas! Igual a súa música tradicional non é tan reinventada como a das Voodoo, pero é que nos gustamos unha chea da nosa tradición e de poder botar uns bailes con ela. A cousa xa viña con máis ambiente festivo. E case nada máis comezar algunhas mozas da sala xa se arrincaron a sacar uns puntos. Xunto con outros temas, tamén escoitamos algún dentro de “Livres e loucas”, o seu último traballo presentado en decembro. Non sei se por primeira vez, pero polo menos si por primeira vez para nós, puidemos escoitar a versión que fixeron en galego do himno feminista francés.

Como non, estas mozas fixeron festa e boa música, que tamén grazas a sala, puidemos escoitalas como se merecen. Pois creo as veces que tiven a oportunidade de velas (vai anos xa) era en pasarrúas e foliadas por Compostela, e aínda que este formato é moito máis cércano a xente, a calidade do son dista un chisco a cando nos topamos nunha sala con diferentes técnicos as costas. Iso si, non agardedes a mesma calidade do directo nos vídeos que vos traemos, pois é son ambiente, e fixemos o que puidemos coas nosas réflex.

Aquí podedes ver as FOTOS do compañeiro Xabicas

Fotos: Xabicas

Texto e vídeo: LetyGF


Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto