Chega a Aña Urbana 2012

Descubrimos hai ben pouco na páxina dun amigo unha moi interesante formación da que non tiñamos noticia, A máquina de meter medo. Desenguedellando o nobelo, descubrimos que é unha formación nada no seo do sempre bulideiro Projecto [Trepja], hai un tempo convertido en Asociación Cultural.

Pois resulta que a xente da Trepia, argalla precisamente para esta fin de semana vindeira, concretamente para o sábado 14, a terceira edición da Aña Urbana, en Pontevedra.


Eló...que vén sendo a aña? Pois "bota-la aña" fai referencia á actividade que se desenvolve tradicionalmente no agro galego, -aínda viva nalgunhas zonas-, de preparar a terra para a sementeira. Primeiro abrense os cabeceiros, -dous grandes regos no pico e no fondo da leira-, e despois os cadabullos, -os regos laterais-, para facilitar o traballo da parella de bois, -hoxe do tractor-, e manter a veiga operativa para outros anos, evitando o desprazamento da terra cara a un dos lados. Nas comarcas do Condado e A Paradanta, -cando menos-, este labor ía acompañado de música e baile, e os veciños xuntábanse en dous bandos a labrar, para ver quen remataba antes e comezaba coas coplas ao desafío e a ribeirana da aña.

A xente de Trepia leva desde o 2010 levando a aña ás rúas de Pontevedra, para lla achegar á xente da cidade. As actividades, como podedes comprobar descargando este PDF, comezan xa mañá martes cunha conferencia de Carlos Álvarez. Será no Salón de Actos da Biblioteca Municipal de Pontevedra (Rua Afonso XIII, nº 3).

E para que miredes que é o que argalla esta xente nas rúas de Pontevedra, quédavos aquí un video da edición de 2011:

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto