Unha noite no muíño non é nada, 15 anos si son muiñada.


E a roda do muíño segue a moer. Xs convidadxs pasaron pola carpa nas Lagoas en Bueu, para festexar o 15 aniversario da banda do "Bal Miñor", si con B escribían esta rapazada nos anos máis mozos como rebeldía. Rebeldía que non se detén se non que segue a crecer, inspira e xunta a milleiros de persoas ala por onde van. DKR é das bandas galegas que é capaz de pechar calquera festival, pois poden ser as 6 da maña que manteñen o campo da festa cheo.

A noite do dez de novembro, véspera de San Martiño, foi unha eclosión de festa, de homenaxes, de reivindicación da música do país! Da música e máis doutras artes, pois xa de tardiña houbo algo de ambiente familiar e castañas asadas para acompañar a Isla Le Triska, Jano e A Saco Circo.

Xa á noitiña, e previamente a banda que estaba de festexo, ían quentando o ambiente TNT Band e García MC, mentres a xente ía rematando de cear e achegándose, ata que chegou un momento en que non se collía na carpa. A continuación deixámosvos un petisco da actuación do García.

Amigas que se xuntaron pola chamada dos DKR, e que teñen un grande reflexo na cara de ledicia e nas bágoas de Gabri. Vivíronse momentos de emoción, ata dende fóra, e gustamos de ver tan bonito abrazo entre Gabri e Andrés, cantas horas nos aguantaron xs festeirxs no que era o mellor garito do “Valmi” xa a porta pechada... A cousa é que despois de tantos anos Gabri e Simón son os que permanecen ao pé do canón na banda, ano tras ano e dende aquel primeiro concerto en Patos. Aínda que moitos de nós xa case non lembramos a banda sen Anxo, Juaqui ou Carlos, polo grupo foron moitos os que pasaron e nesta celebración tiveron cabida todos eles.


Concerto que, a parte de ser a unión de familia e amigos e a representación da música do país, tampouco esqueceu traer ao día de hoxe a memoria histórica, rememorando a figura dunha loitadora como Urania Mella, porque apostaría que moita da xente que alí estaba nin coñecía o seu nome ata que Gabri a mencionou.


Foi unha velada para non esquecer, algunhas imaxes quedaran na retina do respectable de por vida. Destacar a Peter Punk guiando a festa co humor ácido ao que nos ten acostumados, e entre moitas cancións, as que puidemos ver a nai e fillo cantando a dúo; a irrupción do noso querido Suso SOAK para unha vez máis… facernos voar!; o gran Xurxo Souto, pois sen el non se pode representar a música do país. Vituco Neira, que subiu cantar unha canción a cal algunhas seareiras do Morrazo lle teñen especial apego pola loita que representa, loita que tamén nos trae a lembranza de Xosé Reigosa, un dos grandes activistas do sur da provincia; momentos de máis tranquilidade coas Vudú, máis enerxía con High Paw. E un longo etcétera entre os que se topaban as Punkiereteiras, algúns membros de Trashtucada, La Raíz, os xa disoltos Aspencat ou Ezetaerre, que deu para máis de 3 horas de música sen parar. Para rematar a xornada con DJ Jano da Raíz, o cal deixou á xente con máis ganas de festa e provocou que o Aturuxo se ateigara.


Se queredes ver unha pequena mostra en imaxes do que alí se viviu, aquí tedes algunhas das fotos dos momentos que o noso compañeiro Xabicas capturou. Aproveitamos tamén para mandarlle unha vez máis unha aperta ben grande! Pois querémosvos de volta cedo e celebrar ese xantar pendente.

Pola contra se o que queredes é revivir o concerto, a continuación vos deixamos o vídeo do concerto. Así é que, facede uns flocos de millo e sentarvos a revivila noite!


Texto: Xabicas e Lety GF

Fotos: Xabicas

Vídeo: Martin Rodas

Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto