Outro ano que visitamos o Taíña


O pasado sábado 2 de marzo, sábado de entroido, achegámonos un ano máis até Goián. Como outros anos tiñamos cita co festival Taíña. Fomos como de costume co noso mellor -quizais non o mellor, pero si o máis quentiño- disfrace do noso armario. Mais por primeira vez non precisamos del.

Chegamos a tardiña  cando os grupos que nos ía deleitar a noite estaban probando e aproveitamos para saudar as caras coñecidas antes de ir cear. Tras a cea voltamos para o torreiro e pese a semellar que non ía haber moito ambiente pronto as tornas mudarían. Despois de pedir a primeira copa a xente aínda estaba a chegar, e a noite de música a comezar.


Ver para crer, un gzmusiqueiro corista

Os encargados de abrir o festival eran O puto coro do exercito froilanista, e facíano con sorpresas, pois para quen levabamos máis de medio ano sen velos tiñan moitas fichaxes novas. Vestidos para a ocasión o coro encetou ben a festa, non sabemos se polas letras, ou porque eran versións de sobras coñecidas para todas e todos, o certo é que o público xa estaba ben entregado ao baile dende este primeiro concerto.


Para que a cousa non decaese entre concerto e concerto Sapoconcho Sem Poncho púñanos a música, así os cambios de banda son levadeiros e o ritmo non decae. Pese a todo este primeiro cambio foi fugaz e a presenza feminina ocupaba o escenario. Flow do toxo, banda que leva pouquiño, pero semella lle está entrando ben, pois pese a curta carreira que levan, xa teñen moitas e moitos seareiros que cantan os seus retrousos.


Chegaba o quenda do Tecor Societario, e a festa continuaba, a nosa tamén, mais destas horas xa temos máis recordo de estar de parola coa xente que outra cousa, pois dende o verán xa facía uns mesiños que non coincidiamos coa xentiña festivaleira.


Tecor viñeron cargados de punkfolk, levámonos o pequeno Ep de 3 temas que trouxeron, e gustamos del, pois xa co primeiro tema nos leva anos atrás, a unha versión da canción que usamos na intro da primeira temporada de GZmusicaTV, a mellor intro que fixemos sen dúbida! No segundo tema lévannos entre algún verso de Rosalía e unha muller de armas tomar para pechar o Ep indo para Compostela, todo elo por suposto a ritmo de punkfolk, que xa nos meten as ganas de que vaian saíndo máis grupos ao estilo dos Tecor, Falperrys ou os Bastards.


Aínda que o festival non remataba aí, tocaba rematala noite botando uns bailes a ritmo de cumbia con Sapoconcho. Mais o de rematala noite tamén é un dicir pois para quen quixera festa non tiña máis que dar a  volta o torreiro e tiña carpa rave para unha noite que non remataba.

Podes ollar MÁIS FOTOS AQUÍ

Vídeo: Martín Rodas

Fotos: Lavesedo e Lety GF

Texto: Lety GF

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto