Mortos en Vida, ao vivo

Os Mortos en Vida son unha banda da aldea de Liméns, parroquia do Hío, no Morrazo. Se che gusta o punk e o hardcore, hache gustar o son desta formación, que descarga sen piedade trallazos contundentes. A voz e mais a potente base rítmica levan a música dos MeV cara ao hardcore, indubidablemente. Tamén o fai a guitarra cando colle protagonismo, porén actitude, versións interpretadas, etc deixan o pouso punk que lle acaba de dar o selo de identidade á formación.




Sábado 21 de abril, o grupo deu o que vai ser o seu último concerto nuns meses. Foi no 2 de Mayo Rock Bar de Aldán, que acolleu unha boa entrada para ollar o concerto da banda da parroquia veciña. E o grupo non defraudou no que vai ser o comezo dun pequeno parón. Até o verán, probablemente non volten tocar xa que agora mesmo os MeV están a rematar a gravación do seu segundo traballo longo, terceiro se contamos o disco compartido cos Phobia. Nel aparecerán os sinais de identidade do grupo e algunha sorpresa máis. Manterémosvos informados.

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto