Fernando Barroso mañá xoves na Ponte dos Concertos


A Ponte dos Concertos é unha iniciativa nacida no Estudio A Ponte de Compostela. Trátase dunha sala de concertos en streaming, onde poder achegarse á experiencia dun concerto ao vivo nun local. Paco Nogueiras estreou este formato o pasado 16 de maio e agora é a quenda de Fernando Barroso, que estará este xoves 21 de maio ás 19:30h, entradas a 8€ en apontestudio.com, cos temas do seu terceiro disco, Xograr, publicado este ano.


Moitos dos traballos máis interesantes da música galega dos últimos anos -de Xabier Díaz a Terbutalina- teñen un nexo en común: ter sido gravados no Estudio A Ponte. Unha casa do século XIX marabillosamente reformada acolle este estudio de gravación, onde traballa decote Tomás Ageitos, o impulsor deste proxecto. Agora, e por mor do parón na industria musical causado polo coronavirus, desde A Ponte lanzan esta nova proposta na que lles ofrecen ás bandas un Plan que inclúe todo o preciso para realizar un concerto, retransmitilo en streaming e xestionar a venda de entradas. Incluso a interacción co público cun chat en tempo real durante o streaming.

Trátase, ademais, dun evento único pois os concertos non son gravados e fican para as persoas que asistan ao streaming. A nova web do estudio, apontestudio.com, conta cunha pasarela de pago seguro para mercar as entradas, a programación musical das vindeiras semanas e o acceso ao escenario virtual co chat en tempo real para poder gozar desde a casa da experiencia.


Mañá xoves 21, ás 19:30h, Fernando Barroso repasará á mandolina a súa ampla traxectoria como instrumentista, desde os comezos en formacións como TRIM ou Assembly Point até a carreira en solitario que encetou en 2016 con Intropía e á que acaba de engadir o terceiro disco Xograr. O ferrolán ten traballado tamén con moitos dos grandes nomes da música folk e tradicional (Cempés, Anxo Lorenzo, Xabier Díaz,...) e ten percorrido escenarios europeos e americanos mostrando a súa mestría coas cordas.

Unha nova sala de concertos on-line cunhas condicións técnicas inmellorables, imaxe multicámara de calidade e iluminación coidada para achegar até a túa casa as propostas dos artistas. Non sabemos se será o futuro mais é, desde logo, o presente na situación que nos está a tocar vivir e, sobre todo, trátase dunha iniciativa imprescindible para procurar manter o tecido musical do país a flote nestes tempos. 

A Cantadeira de Belém é unha das cancións do novo disco de Barroso



Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto