Crónica Resentida

Unha reviravolta no camiño levou a tribo toda até o recinto de Expourense. Volvían Os Resentidos 30 anos despois do Galicia Caníbal. Cun Reixa eleito hai pouco presidente da SGAE e uns teloneiros que apostan polo Creative Commons. Galicia, i don’t love you because i fuck you. A música do sitio distinto volveu soar e GZmúsica foi botar unha ollada.

Aínda era de día cando os Novedades Carminha encetaron a noite de música no recinto de Expourense. Nós collémolos de esguello. Perdémonos no camiño e iso que empregamos incluso o comodín da chamada. Porén, miramos dabondo para comprobar que os Novedades seguen en forma. Se algún grupo galego actual é quen de nos levar con facilidade aos primeiros 80 eses son eles. Iso si, teñen moito máis, -por non dicir todo-, dos compañeiros de local de ensaio dos Resentidos. E notouse ben nas boas migas que fan co Julián Hernández derriba do escenario.

E despois dos Novedades, O Sonoro Maxín. Quen escolleu os grupos convidados, desde logo acertou de pleno. A banda ourensá engraxa cada día o directo que leva unhas semanas presentando polo país. Dignidade+festa no escenario e o público levado ao punto exacto para comezaren os protagonistas da noite.

Máis de mil persoas en Ourense a bailar coa música feliz dos Resentidos

Sempre que unha banda volve despois dun parón delongado, a dúbida sobre se cubrirán expectativas anda no aire. Agás para os incondicionais, -onte habíaos a eito, como é lóxico-, moitas veces as resurreccións teñen máis pinta de zombie que de grupo de música. Non foi onte o caso, e Os Resentidos pasaron con nota a reválida. Loxicamente,  a falta de costume nótase e o trafego de colaboradorxs tampouco axuda a coller o ritmo. Porén, houbo bos momentos. Non podía ser doutro xeito con Romero, Budiño, Senlle ou Sés compartindo cos Resentidos temas que forman parte da BSO do rock galego. Tamén estiveron Miguel Costas e Julián Hernández, lembrando os tempos en que Vigo fervía en música. E moitos outros, como Rómulo Sanjurjo e Xurxo Souto que comezaron a xeira final que rematou coa apoteose do Galicia Caníbal.

O milleiro longo de asistentes, -suficientes para dar a sensación de boa entrada pero non para ateigar o recinto-, marchaba satisfeito a se mesturar nos bares da zona vella de Ourense coa parroquia local. Moitos co seu anaquiño de concerto gravado no móbil. Ou con algunha camisola de recordo. Cando menos, coa lembranza dun evento histórico. Evento ben organizado, cun son impecable. De prezos razonables e bo ambiente. Con tímidos berros retranqueiros de presidente, presidente. Galicia, i don’t fuck you because i love you.

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto