De concerto cos Zurrumalla

Domingo 27 de maio, volvemos ao Aturuxo. Desta volta, visitaban a sala de Bueu os Zurrumalla.A banda, formada contra o ano 2000, mantén desde os seus comezos o gusto pola música tradicional. Nomeadamente, pola vertente máis festeira do repertorio da nosa tradición, que é tamén a cerna do seu novo disco.


Na liña dos últimos tempos, a sala non se encheu. De feito, había espazo abondo para beillar na roda, o que non deixaron de facer varios bailaríns ao longo do concerto todo. Mais non o fixeron só porque houbese onde facelo, senón porque había quen animaba a facelo. O directo dos Zurrumalla vai ser dos que máis gusten este verán polos festivais do país. A formación leva un par de anos a traballar a súa faceta ao vivo, -malia levaren 12 anos, a súa é unha existencia intermitente-, e a cousa colleu xeito. Na liña doutros formacións tradicionais do sur que conxugaron ben tradición e troula, o directo dos Zurrumalla é un convite continúo a pasalo ben. Quen teña visto Os Carunchos ou A Xistra de Coruxo, -formacións coas que comparte membros-, entenderá o que se quere dicir.

Aquí tedes unhas fotos do Xabicas, que non perde unha no Atu.


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto