Preséntase a 15ª edición do Festival Música na Noite

A A.C. Lúa Chea presentou hoxe xoves ás 12 da mañá na Casa Común de Calo, en Teo, a 15ª edición do Festival Música na Noite. O festival vaise celebrar nas noites do venres 6 , e do sábado 7 de xullo, no lugar de Solláns, na mesma parroquia da comarca santiaguesa onde foi presentado. No acto estiveron presentes os membros da A.C. Lúa Chea Xoán Carlos Portos, Ana Fernandez e Jesús Parajó, o concelleiro de Mocidade e Servizos e mais o alcalde da localidade. Tamén o Leo i Arremecághona, que ofreceu unha pequena mostra da que vai ser a súa actuación no festival.



Xurxo Francos, concelleiro de Mocidade mais tamén membro da directiva da asociación, presentou os grupos, destacando os locais: Deseqilibrio Mental, que participan na noite de Músicas Emerxentes (o venres 6, desde as dez e media da noite), e Os Devotos do Folclore 300, que participan na de Músicas Tradicionais (o sábado 7, tamén desde as dez e media). Nesta noite da música tradicional, o Música na Noite contará tamén coa actuación dos Cempés, -que volven aos escenarios co seu novo disco, Tentemozo, baixo o brazo-, para alén de Taghaitai, Vai Rañala e Homen Banda, un home orquestra procedente do Brasil.

Na noite do venres actuarán O Sonoro Maxín, a Compañía do Ruído e Los Mighty Calacas, chegados desde México. Á espera de ver o que farán os mexicanos, -tedes un vídeo deles embaixo-, o festival vai contar con dúas das bandas galegas máis en forma este verán. Ambas as dúas presentan novo disco e chegan con fame de concertos, despois dun tempo sen tocar ao vivo por diversos motivos. Entre actuacións, e a pé de barra, o Leo i Arremecághona vai presentar o seu espectáculo do “cantautor bomba”.

A A.C. Lúa Chea lembra que o festival dispón de acampada de balde “e á sombra”, aparcamento, barra, e un menú especial preparado pola veciñanza de Calo a base de callos, churrasco e bolos preñados. Animan ademais á xente a participar e a consumir, pois esta é unha das principais fontes de ingresos do festival, xunto coa venda de camisetas e rifas ou as contribucións das persoas asociadas a Lúa Chea, que pasan das oitenta persoas.

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto