O Brincadeira-Rock in Cambre 2012 vai collendo xeito

Cando queda menos dun mes para unha das datas senlleiras do calendario festivaleiro do verán, a organización do Festival Brincadeira vai desvelando cousas do novo emprazamento en Cambre. Do 9 ao 12 de agosto, máis de 80 bandas e 70 horas de música farán gozar á xente que se achegue até Cambre. Cun cartaz encabezado por Status Quo e Calle 13, até a vila das Mariñas irá tamén unha boa representación da música galega. Para ir quentando o ambiente, a organización sortea un pase VIP entre quen comparta o seu cartaz no Facebook e hoxe pon en marcha o  Brincadeira Show, que promete ser o xogo do verán nas redes sociais da música galega.

Desde Heredeiros da Crus, Ruxe Ruxe ou Zënzar até Terbutalina, Familia Caamagno ou Chícharo Psicótico. Variedade na representación da música do país, con oco incluso até para os Quempallou ou os Bastards on Parade. Ademais da música da terra, haberá tamén música do mundo, entre a que, para alén dos nomes máis coñecidos destacan formacións como os franceses The Inspector Cluzo ou os históricos Demented Are Go desde Galés. O cartaz xa é definitivo desde hai uns días e ademais a organización vai dando a coñecer no seu perfil do Facebook información sobre a localización da zona de acampada así como sobre o concurso Brincadeira Show que comeza hoxe e ha sortear dúas viaxes ao Brasil entre os participantes. Nesta VI edición Brincadeira contará cunha fermosa zona natural de acampada: unha área recreativa de descanso de cen mil metros cadrados, ao carón do río Mero. Na zona de Acampada haberá un espazo 24 horas con supermercado, duchas, zona wi-fi e zona de recarga de móbiles. Na parte artística, o festival contará con dous escenarios simultáneos con 16 horas diarias de concertos en directo ininterrumpidos, Área de Música Electrónica, Soundsystem e Mc´s, mostra de artesanía, proxeccións e performances.

GZmúsica andaremos por aló para traervos imaxes e impresións do festival, pero para ir quentando motores deixámosvos este vídeo dos Inspector Cluzo.




Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto