E Cangas chorou...

Sábado 14 de xullo, nunha xornada maratoniana que comezou ás 12 da mañá e rematou máis alá das 3 da madrugada, andamos polo A Chorar a Cangas. O festival-troula-akelarre organizado pola xente de Deskarga Furtiva que por segundo ano encheu a vila do Morrazo de música e festa. Nunha xornada que comezou coa sesión vermú amenizada polos Bastards on Parade e Darrente a Parede. E que continou, despois dun descanso ben merecido, co concerto da noite protagonizado por Malas Pulgas, Falperrys, O Neto de Manoel e os Fillos de Quen e mais Os Zopilotes Txirriaos. Contámosvos un pouquiño do que alí aconteceu...do que nos lembramos!

Pola mañá, os Bastards estiveron moi curiosos na súa estrea en unplujed. Nós chegamos cando recollían o material, mais a xente falaba marabillas. Mal non lles debeu ir cando pola noite, reconvertidos en camareiros, comentaban que tiñan ganas de repetir. A banda da Coruña é seguidora da idea de que a festa é para quen a traballa, e despois de armar troula pola mañá, algún botaba un cabo a Suso Soak e a xente de Deskarga na barra pola noite. Os que tamén botaban unha man na barra pola noite, pero do outro lado, eran os Darrente a Parede. A formación tradicional demostrou pola mañá porque é unha das máis requeridas en furanchos e foliadas varias no Morrazo, e pola noite moitas e moitos deles andaban chimpando na primeira liña. 

Pola noite, os Malas Pulgas soaron moi potentes, demostrando que o facho do punk no Morrazo aínda ten quen o erga con orgullo. Os Falperrys deron un moi bo concerto e deixaron o público quente para o Neto de Manoel. O Álex e compaña comezaron con rumba e ranchera para acabar virando para o ska e mais ao reggae coa xente coreándolles as cancións. Despois viñeron os Zopilotes Txirriaos, chegados da pintxe Nafarroa. Afectoulles un pouco tocaren tan tarde e non precisamente por estar fríos, aínda así o medio milleiro de persoas que aguantou até o final toleu a canda eles e o seu napar-mex. Non vos podemos contar moito máis...houbo que vivilo!

Aínda así, os compañeiros de Borneira Audiovisual están a traballar nos vídeos dos concertos, dos que axiña subiremos algo á rede. De momento, aquí tedes as fotografías do Neto de Manoel e dos Zopilotes que tirou o Xabicas.

Picasa user or album is not correct

 



Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto