As Revenidas de Vilaxoán

2 días de concertos, 13 bandas sobre os escenarios, 60 voluntarios/as, 600 camisolas, 3.000 racións de sardiñas, zona de acampada para 800 tendas, 15 euros o bono para os 2 días e unha sorpresa montada nun Avia...Chega a fin de semana das Revenidas e GZmúsica estará alí. Neste artigo tedes toda a info precisa para coñecer o que se está a argallar para mañá, sexta feira, e pasado, sábado, en Vilaxoán de Arousa. Música, solidariedade, gastronomía e bo ambiente á beira do mar da Arousa.

Se lle preguntas a algún ou algunha das grandes festivaleiras que hai no país cales citas non se perdería baixo ningún concepto, hai unha serie de nomes que sempre saen. A Festa da Carballeira en Zas, Pardiñas, a Festa Folc de Vilariño,...e As Revenidas! O festival arousán conseguiu en poucos anos se converter nun referente obrigado durante o mes de xullo. E todo arredor das revenidas, nome que reciben na comarca as sardiñas salgadas e posteriormente asadas na grella. Até 800 quilogramos delas hanse comer esta fin de semana no festival. Pero ademais de música, cun dos mellores cartaces do verán no país, e gastronomía, As Revenidas van ser solidarias pois recadarán fondos para a poboación saharauí nunha haima que se instalará no festival. Haberá actividades de balde, cos Trópico de Grelos, Os Terribles de Arousa ou a Gala do Circo, pero este ano para poder ter sobre o palco a bandas da categoría de DKTC, Os Cempés, Skatalites ou Esne Beltza, a organización decidiu cobrar unha entrada. Na billeteira o prezo será de 15€ o bono e 10€ o día solto, adaptándose ademais así as polémicas condicións que marcou o AGADIC para os festivais poderen acceder as súas axudas. 

Os horarios das actuacións son os seguintes:

Venres 20 de xullo
Apertura de portas: 21h

No escenario pequeno:

- Borderline79. 22h

- O Leo. 23h45

- Terbutalina. 01h30

- DZ Selector. 03h15

- Quique Otero. 04h45

No escenario grande:

- Guezos. 22h30

- Mighty Calacas. 00h15

- Dios Ke Te Crew. 02h00

- The Booze. 03h30 

Sábado 21 de xullo 

Apertura de portas ás 21h30

- Os Cempés. 22h30

- The Skatalites. 00h00

- Esne Beltza. 01h45

- O Sonoro Maxín 3h15

- DJ Gadje. 04h30




Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto