Crónica das Revenidas 2012: Sardiñas e música en Vilaxoán

A música inundou Vilaxoán a pasada fin de semana e GZmúsica estivo aló para contalo. Se ti tamén estiveches nas Revenidas de Vilaxoán deste ano, bótalle unha ollada a este artigo. De seguro atopas algo interesante. E se non fuches a Vilaxoán, debes saber que tes un problema de axenda, pois deixaches pasar unha das mellores citas festivaleiras deste verán no país. Aínda así, neste artigo poderás atopar algo da esencia das Revenidas. Fotos. Vídeos. Crónica. Non incluímos o cheiro a sardiña, pero case, case...

Agora que xa pasaron 48 horas desde o remate do Festival Revenidas 2012, achegámosvos unha ampla reportaxe coa nosa ollada da festa. Se vas baixando por este artigo, has encontrar fotos e vídeos da maioría de grupos que actuaron nas Revenidas. 

Peo antes de nada, fotos do público. O festival cobraba entrada por vez primeira, -un dos polémicos requisitos esixidos polo AGADIC para poderen os festivais optar ás axudas públicas-, e había dúbidas de se a xente ía responder. E respondeu. Á falla de datos dos organizadores, máis de 2.000 persoas por día pasaron polas Revenidas. Aquí tedes algunha imaxes do ambiente.

O primeiro grupo ao que chegamos foron os Guezos. Igual que lles aconteceu aos Cempés o sábado, pagaron o feito de tocar cedo e non tiveron un ambiente nin numeroso nin quente. Porén, a banda ourensá cumpriu, especialmente cando volveu as sonoridades dos seus primeiros traballos. 

O seguinte grupo en pasar polo escenario grande foron os Mighty Calacas. A banda mexicana de rock anda de xira este verán polo país, -xa estiveron no Música na Noite hai uns días-, e tamén no peirao de Vilaxoán deitaron o seu rock'n'roll clásico, cun son marcadamente americano. Harmónica e guitarra competían por demostrar o seu virtuosismo sobre a potente base rítmica de baixo e batería. Como sorpresa, contaron coa colaboración de García MC nun dos seus temas.

As actuación do venres ían alternándose entre o palco grande e o pequeno. E foi precisamente neste, por onde tamén pasou por exemplo O Leo, onde atopamos a sorpresa do festival. Os Terbutalina demostraron de vez en Vilaxoán porque están a ser o grupo revelación do verán. Irreverencia, frescura e punk. Unha mistura que só funciona se quen a practica non chegou aínda aos 30 e realmente gusta do que fai. E ese é o caso desta banda de Muros. Fixeron botar ao público todo e é de salientar que moita xente xa corea os seus temas. Prometen moito.

O prato forte da xornada do venres foron os DKTC. A crew de Ordes é unha das bandas que máis está a tocar este ano, -nós xa os miramos na Rebusca, no Sons da Lameiras e agora nas Revenidas-, e aínda así segue a sorprender. Non cansamos malia miralos 3 veces un mes e iso fala ben deles. Ademais, a banda de apoio coa que fan a segunda parte do concerto vaise acoplando mellor cada vez. Fotos de DKTC e do Leo:

O venres pechouse con The Booze. Coñecidos por poucos dos asistentes, a banda saíu con enerxía para tentar manter aceso o facho que lle deixaran os DKTC. Conseguírono e deron hora e media de tralla para os que aguantaban aínda en pé despois de máis de 5 horas de música. Iso si, houbo que lles dicir ao acabar que estaban a tocar na Galiza, que semella que non o tiñan nada claro. 

Aquí tedes un resumo das actuacións do venres:


Sábado, festa rachada

Despois de pasarmos o sábado adurmiñando na praia, -queda para outro ano probar as sardiñas revenidas-, sábado sobre as 10 da noite collemos camiño da zona de acampada cara ao festival. Outra volta, a organización foi escrupulosa cos horarios e pouco despois das 22:30h Os Cempés andaban a facer música no palco. Había expectación por os mirar despois de tantos anos. O horario non axudou nada, -comezaron case en familia-, e o tempo de inactividade nótase un chisco. Xa non teñen o directo asoballador que os encumiou como mellor grupo folc galego ao vivo nos anos 90, pero reteñen moita daquela forza. Ademais, agora o seu repertorio deixa máis espazo aos temas, moi acougadiños, do novo traballo. Quedamos pendentes de miralos na festa da Carballeira de Zás, onde máis no seu ambiente e, agardemos, nun horario mellor poidan dar máis de si.

E foi a quenda do prato forte do festival. Skatalites, pais do ska, formación histórica da que aínda fican en pé batería, baixo e saxo, tres anciáns arrodeados de músicos moi competentes que debullaron co vagar que só teñen os vellos a historia do ska e o reggae do século XX. O público sóubolles coller a agulla de marear e deixouse levar na visita guiada, que agachaba varias sorpresas, como a actuación da "raíña do ska", Doreen Shaffer, ou a saída dos fillos do teclista, que compartiron escenario con músicos 70 anos máis vellos ca eles...e a diferenza de idades nin se notaba!

Os que tiveron que comer o "marrón" de saír despois dos Skatalites foron os Esne Beltza. Xa se sabe que os bascos non se arredan diante de nada e estes saíron a tope de gas para conseguir enganchar o público que aínda levitaba coas sensacións dos Skatalites cando os Esne comezaban. Deron feito, botándolle moitas ganas, metendo o público no peto coas "performances" que argallaron e rematando o concerto entre a xente. 

E para rematar a noite, O Sonoro Maxín. A banda ourensá foi a encargada de pór o punto final aos concertos, na xornada de sábado no escenario pequeno só houbo DJs e espectáculos varios, e demostrou que os meses de rodaxe desde que os miramos voltar aos escenarios no Auriense lles sentaron moi ben. Ían lanzados e co público chimpando como non se mirara nos dous días cando uns problemas de son fixeron que tivesen un paronciño no seu ritmo do que só saíron na recta final. Unha mágoa, porque o que podía ser un concerto realmente histórico ficou nun concerto moi bo. 

E nada máis...e nada menos! A embaixada de GZmúsica nas Revenidas, -reporteiros festivaleiros, fotógrafo, gardacostas e compañeiras e compañeiros varios-, pasámolo en grande. Para moitos de nós foi a primeira vez no festival, do que xente que sabe coma o Cao xa nos falara marabillas, e desde logo que para todas e todos non vai ser o último. O emprazamento é excepcional. A organización é tan boa que colle a xente desprevida cos horarios. O pobo de Vilaxoán está orgulloso da súa festa, e iso nótase a pouco que te movas un pouco pola vila. Tamén se lle tomas un kalimotxo pola noite e quen cho pon afirma con fachenda que o viño é da súa colleita: Non has topar outro coma este por aí! Abofé que non, e iso que temos probado moitos.

Aquí vos queda o vídeo-resumo do que aconteceu sábado:

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto