A Chaira recupera as foliadas

A iniciativa partiu de Xoldra, un local de Guitiriz que leva apostando dende a súa apertura en 2004 pola música ao vivo. Desde o pasado 31 de xaneiro e até o San Xoán, o último xoves de mes volverá a haber foliadas na Terra Chá. A vindeira cita, o xoves 28 de febreiro.

O pub Xoldra aposta pola música ao vivo e leva xa 9 anos organizando concertos e outros espectáculos. Agora, e como novidade en Guitiriz, organizan unha vez ao mes unha Foliada que intenta recuperar a tradición musical da comarca da Chaira, así como os temas tradicionalmente cantados polos nosos pais e avós durante anos.

Para isto, contan coa colaboración de diversos grupos que participarán nas xornadas de xoves pola noite, sempre o último de cada mes e ata o San Xoán. Así poderemos ver a grupos como Caivanca, -os primeiros en actuar, o pasado 31 de xaneiro-, Sons da Aldea, Os Carunchos, Andaina,...

Ademais, pretenden que a festa non sexa soamente musical, senón que as nosas tradicións mais galegas estén presentes durante as foliadas. Haberá que explicar en moitos casos en que consiste mais teñen pensado ofrecer unha degustación en cada unha delas diferente, sempre con productos típicos de cada momento e da nosa terra, como a torta de millo, as filloas, cocidos,...

Desde o Xoldra pretenden instaurar na comarca chairega unha tradición perdida, e que soamente revive durante unha semana ao ano cando se festexa o noso querido Festival de Pardiñas, símbolo galego da música e da arte.

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto