Ábrete de orellas.com celebra o seu X aniversario

Foi no 2003 cando Ábrete de orellas deu o salto á rede. Hai agora 10 anos, o proxecto radiofónico que nacera da man de Pepe Cunha no 1997 pasou a se converter en Ábrete de orellas.com. Así naceu este portal especializado en música e concertos na Galiza. Cunha atención especial a artistas, salas e produtoras do país, Ábrete de orellas non pretende crear tendencias, senón divulgar, ser un punto de encontro das diferentes propostas. Máis de 1500 seareiros en facebook e máis de 20000 visitas no último ano respaldan o labor dun referente senlleiro da música galega na rede.

A presenza da música galega na rede vén de vello. Xa antes de que estoupase a Bolla das empresas punto com, sitios como os desaparecidos ou inactivos Proxecto Estrume, folkGaliza ou Ravachol.org e por suposto o histórico e lonxevo ghastaspista.com abrían xanelas na rede para a música do país. Tamén desde o século XX, Ábrete de orellas, que xurdira en Ferrol aló polo 1997 coma un programa radiofónico, leva informando da actualidade da música en Galiza. O proxecto foi crecendo a carón do seu director Pepe Cunha, ao tempo que espallaba a súa faceta de comentarista musical por diversos medios (Radio Kaos, Rádio FilispiM, Diario de Ferrol, Radio Fene, De troula, Xornal de Galicia, TVG ... ) para finalmente crear hai dez anos Ábrete de orellas.com

O portal galego cumpre 10 anos este mes de marzo e celébrao cunha serie de actuacións en colaboración con colectivos e locais de Pontedeume, Ferrol e Compostela: catro concertos e unha representación teatral ben musical.  Ademais das actuacións ao vivo, non han faltar sorteo de Galeokes e gravacións de música feita en Galiza, pois o selo DoFol Música colabora co agasallo dun lote de cedés.

venres 15, Pontedeume:
- "O fútbol é así" da compañía Obras Públicas no local do Colectivo Terra Pontedeume. 21:00 h. Prezo por confirmar.


sábado 16, Ferrol:
- O dúo 2uS en sesión vermú no bar Cantón Vello ás 13:30 h. 3 €

- Grampoder + Projecto Mourente ás 21:30
h no Manchita Cosa. 5 €



martes 19, Compostela:
- o dúo de Fernando Barroso e Luis Peixoto presenta o seu recente álbum "Pop" na Casa das Crechas. 21:30 h. 5 €
Tras eles, unha sesión de picadiscos orelluda.



Desde Ábrete de orellas.com lembran que non teñen afán de lucro, polo que os prezos das entradas son ben económicos e destinados a pagar os artistas. Os aforos son limitados e as camisolas conmemorativas por encarga, así que aceptan reservas en Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Tamén queren agradecer o apoio aos locais colaboradores: Colectivo Terra, Pontedeume. Boa Vista 8, Baixo. CantónVello, Ferrol. Rúa Taxonera 1, Entrechán. Manchita Cosa, Ferrol. Rúa Magdalena, 138. Casa das Crechas, Santiago de Compostela. Rúa Vía Sacra, 3.





Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto