Camarada Nimoy no Aturuxo

O pasado domingo 3 de marzo, os Camarada Nimoy levaron o seu directo até o Aturuxo de Bueu. Estivemos alí e gustamos moito do que vimos e escoitamos. Surf instrumental. Teremín. Proxeccións. Unha versión dos Pixies. O directo do grupo vigués testemuña os anos de experiencia en distintas formacións dos seus integrantes, e soa coma poucos no país.

Gran concerto de Camarada Nimoy no Aturuxo. Entrada cativa para o que merecía a ocasión, -había outros 3 concertos polo menos no Morrazo esa mesma noite-, mais queda o placer de ter presenciado un dos directos máis interesantes do panorama galego destes anos. Tan espartanos en palabras coma xenerosos, -e virtuosos-, na creación de atmosferas e sensacións coa súa música. Acompañados da proxeccións de films antigos, -de coches, de obxectos imposibles,...-, Camarada Nimoy preséntase cunha formación de batería, baixo e 2 guitarras, ás que se engaden efectos e distorsións sonoras e de cando en vez a sonoridade de serie b do teremín. Camiñan polo surf, o swing e o jazz, -segundo eles propios-, e por veces lembran os Pixies, dos que fixeron, -até onde nós coñecemos-, a única versión do concerto, Cecilia Ann.


Vídeos



Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto