Bastards on Parade + Talco. Crónica e vídeos

O pasado primeiro de maio a Fábrica de Chocolate de Vigo ofreceu na súa programación unha dose de punk e ska a cargo dos galegos Bastards on Parade e os venecianos Talco, banda que volverá a pasar pola nosa terra no verán, cando menos no SonRías Baixas de Bueu. Aquí vos deixamos a crónica e un par de vídeos feitos para GZmúsica por Paulinha.


BASTARDS ON PARADE & TALCO  -  LA FÁBRICA DE CHOCOLATE

Mércores 1 de maio achegámonos a La Fábrica de Chocolate en Vigo para escoitar o directo dos coruñeses Bastards on Parade e dos venecianos Talco. Minutos antes de comezar, a sala non amosaba o aspecto que ía ter no remate.
Os Bastards comezaron fríos pero potentes. O público ía chegando e cos seus primeiros temas aínda non estaba todo o entregado que chegaría estar, e así na metade do concerto os músicos acadaron unha conexión cos asistentes que se mantivo e mesmo foi medrando atá o final.
Viñan de Francia, de Poitiers, despois dunha viaxe de horas que semellaba non ter deixado pegada neles. Os que xa os miraramos noutras ocasións apreciamos novidades interesantes. O seu directo é agora máis redondo, os temas transcorren sen baixóns, con menos paradas e xa que logo mellor ensamblados. E ademais dos temas-himno do seu disco puidemos escoitar tamén algún outro novo, para rematar co apoxeo e o protagonismo fundamental da gaita, da muiñeira e do himno galego que despois da temporada festivaleira do país volverán facer soar polas salas de diferentes cidades europeas.

Aquí tedes un fragmento do seu concerto:

Logo duns minutos, e uns días despois de coñecermos que estarán este verán no SonRías Baixas, chegou Talco. A meirande parte do público que xa cos Bastards ateigara a sala bailou de maneira catártica dende o primeiro tema, agardaban o ska e o punk que alí se mesturaba cos ritmos circenses e corearon algúns dos temas do seu último traballo como Ancora ou La mia cittá e, como non, dalgúns dos anteriores que xa son imprescindibles nos seus directos como La tarantella de’ll ultimo banditto e La casa dell’impunitá. Á beira dos temas propios houbo tamén espazo para as versións, o Avanzo de cantiere escoitouse para que nos convenzamos de que este ou calquera outro tema de Banda Bassotti é ineludible para os grupos italianos que beban das fontes dos romanos, e tamén Bella Ciao e o son folclórico, ao tempo que nostálxico, da Italia que evoca.
Se de algo pecou Talco foi sen dúbida do que inherentemente peca, algo que poderiamos denominar monotonía apoteósica, baseada na repetición que nos provoca certa sensación de acidez chegado o final. Os arranxos repítense cruelmente, comezan os ventos, protagonistas principais e na miña opinión o mellor, e a partir de aí aumenta a potencia a base das guitarras e batería que acompañan a voz, que soben e baixan até finalizar o tema. O que ninguén lles pode criticar dende logo é a falta de contido nas súas letras, centradas nunha utopía onde o capitalismo e o fascismo non teñen lugar, e sobre todo a maneira en que conseguen quentar a xente que, nin coa calor que alí se concentrara, deixou de chimpar un momento.
A festa chegou ao final cos asistentes saíndo pola porta extasiados e contentos. Supoño que se este é o resultado o directo foi bo, ou polo menos o agardado.

Os Talco a cantar Bella Ciao:

Crónica e Vídeos: Paulinha



Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto