Dous días de 'troula' da man do SonRías Baixas

Música, baile, gastronomía e, sobre todo, troula, foron os grandes protagonistas da XII edición do SonRías Baixas. Aínda que non se cumpriron as expectativas de éxito do ano pasado, o festival logrou reunir entre os dous días unhas 10.000 persoas e tivo un importante impacto económico sobre a vila de Bueu. Velaquí a nosa impresión do festival morracense.

Un equipo de GZmúsica desprazouse na primeira fin de semana de agosto ata o lugar da Estacada, en Bueu, para gozar de dúas noites de boa música no festival SonRías Baixas. No entanto, a metade do equipo, fotógrafo e redactora, somos de Bueu, así que máis ben saímos da casa e cruzamos a rúa para chegar ao recinto habilitado para a ocasión. Ao final os da casa acabamos traballando para a casa.

O primeiro día, o venres, foi o máis frouxo, feito que se notou sobre todo na  afluencia de público. Porén, antes de comezar os concertos xa había un pequeno grupo de incondicionais esperando fóra a apertura das portas do recinto, polo que cando comezaron os concertos xa había fronte ao escenario un bo grupo de xente. A banda galega Agoraphobia, gañadora do I Concurso SonRías Baixas, foi a encargada de inaugurar os concertos. As cinco rapazas que compoñen o grupo fixeron gala nos 45 minutos de bolo da súa mellor música, mistura entre o indie, o rock e o garage. No recinto soaron os temas que comporán o seu primeiro álbum, de próxima gravación, ademais de versións de clásicos da talla do “One Way or Another”, de Blondie, ou “Are you gonna be my girl” dos australianos Jet. Aínda que faltaba moita xente por chegar ao recinto, de seguro que os que se atopaban alí gozaron coa música das galegas, que saíron ataviadas con saias tradicionais.

O seguinte en subir foi Josele, xa habitual en Bueu, que recén chegado volveu subir a un escenario buenense, mais esta vez fíxoo coma integrante de Los Enemigos. Está a recibir moi boas críticas a banda dende a súa volta aos escenarios, e en Bueu non defraudou. Temas coma “Desde el jergón”, “Septiembre”, a versión de “Señora”, de Serrat, ou “Todo a cien” fixeron vibrar aos seguidores da banda madrileña. Nin a chuva, intermitente durante a metade do seu concerto, foi quen de embazar o que foi unha das mellores actuacións da noite. Case dúas horas despois foi a quenda de Rulo y la Contrabanda. Esperábase moito máis do ex cantante de La Fuga, que non foi quen de animar a festa.

Non chegou a hora de moverse e bailar ata as dúas e media da madrugada, cos ritmos electrizantes dos italianos Talco. A banda sonora da Guerra das Galaxias, acompañada dun pouco de confeti, deron paso á primeira banda internacional do festival, que conseguiu animar aos presentes con ritmos ska, chegando ao máximo apoxeo coa interpretación do himno “Bella Ciao” e despedíndose por todo o alto con outra banda sonora, desta volta a dos Cazapantasmas.

Despois do directo dos italianos a xente precisaba máis festa, e foron moitos os que aguantaron ata o final. De feito, non podía ser doutro xeito, xa que a música galega volveu para pechar a primeira sesión de concertos. Dakidarría tomou o escenario a tempo de continuar coa troula. Pouco se notou a falta do baixista David, de baixa por lesión, xa que o seu substituto provisional, Sergio, estivo á altura das circunstancias.

Amenceu o sábado con boa cara e sen restos de mal tempo. Mais aínda que os concertos da noite prometían, a primeira parada obrigada foi á hora do xantar. Juankar, de Boikot, Enrique Otero, da Banda Crebinsky, e Nicolás Pastoriza acudiron á Casa SonRías para converterse nos chefs do festival. E debía estar ben feita a comida cando conseguiron rematar todas as tapas.

Co pucho cheo e despois de mergullarnos na praia, xa estaba todo preparado para comezar coa seguinte quenda de concertos. Vortex foi a banda encargada de erguer o pano o sábado. Cos seus ritmos de metalcore melódico os pontevedreses animaron os presentes no que prometía ser unha noite cargada de fortes emocións.

No entanto, a banda estatal que realmente puxo o broche de ouro do festival foi Boikot. Moi 'cañero' dende o primeiro tema, conseguiu involucrar o público ao máximo e captar a atención de todos os presentes. Pola súa banda, The Toy Dolls conseguiron manter o ritmo dos seus precedentes. Sorprendendo aos que non os coñecían e agradando aos seus seguidores, os británicos fixeron un espectáculo divertido e rápido, mantendo ao público activo en todo momento.

Co remate da segunda banda internacional chegou a quenda de Riot Propaganda. A mistura entre Los Chicos del Maiz e Habeas Corpus triunfou en Bueu, aínda que quizais os temas máis coñecidos de Habeas foron os que tiveron unha maior aceptación.
Esta noite estaba a ser, sen dúbida, máis movida que a anterior. Pero tan só faltaba unha banda por actuar.

O broche final do festival púxoo a banda galega Foxy Freire, que soou incluso mellor ao que estamos acostumados, converténdose deste xeito no mellor grupo en canto á calidade musical. A pesares de que xa non quedaba moita xente no recinto, o rock and roll máis clásico fixo vibrar a toda a vila. O  concerto tan só quedou embazado pola organización, que cortou o concerto sen deixar tempo aos bises para dar paso aos DJ's.

Se queres ver máis fotos do SonRías 2013, podes visitar o FB do fotógrafo Xabicas.

Texto:Eva Rivas

Fotos: Xabicas

{fcomments}


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto