Castañazo Rock 2013: Crónica e fotos

Alá van xa vinte días da úndecima edición do Castañazo Rock. Até Chantada, desprazámonos case toda a equipa que fai GZmúsica, para gozar cunha das festas senlleiras da música galega. Ademais, este ano celebrábase o primeiro aniversario da FEGAFE, e xa o venres houbo unha previa no Besto Bravo de Chantada, cos Maskarpone póndolle música ao aniversario da Federación de Festivais. Velaquí tes unha ampla reportaxe con vídeos e fotografías, -aínda non publicadas-, e a crónica de Lety GF do que deu de si este ano a fin de semana do Castañazo.

A primeira fin de semana de novembro, GZmúsica desprazouse case ao completo até Chantada. A cita era a úndecima edición do Castañazo Rock. Despois de 4 ou 5 anos seguidos asistindo ao festival, este foi o primeiro que fun con tempo para participar en toda a programación. A chuva medio acompañou ao longo da mañá e parte da tarde, pero por sorte o frío non! Pasamos a mañá resgardados, para deixar a visita ao chantadillo para a tarde de paso que iamos botar unha ollada @s cantantes taberneir@s. Pero os pais que se achegaron cos pequerrechos  as actividades para nenos e nenas fixéronse a cuberto na casa da música, con moita participación, e a rapazada encantada xogando á corda, rodando o aro, etc.
Supuxemos que debido ao tempo non montaran os postos pola rúa, así que aló fomos cos da taberna. Por certo, darlles as grazas a xente do Faísca de Vigo por invitarnos a participar con eles. A cousa prolongouse así que a billarda comezou unha hora máis tarde do previsto e xa sen moita luz. Despois dunha breve merenda-cea para coller algo de forzas fomos para o recinto gandeiro. Xa alí pillamos os xogos bravús de remate pero aínda nos deixaron participar en case todos algunha que outra vez. E xa aló quedamos que ían asar as castañas, pero cando nos dimos conta pasaron de aínda non estar asadas a non quedar nin unha...

Os concertos deron comezo as 9 e 2 minutos polo meu reloxo. É unha magoa...pero da primeira banda, a gañadora do concurso, Ex-tensión Agraria, non vos temos nada de material gráfico porque os cámaras e o equipo chegou máis tarde, exactamente na última canción desta banda. A verdade que a banda é potente, e habia xente que estaba alí en gran parte por eles, pero pouco puideron desfrutar, porque o concerto durou como media hora. Probablemente, isto non servise para saciar os que tiñan ganas deles.  Aínda que moita xente non habia no recinto, tampouco se pode dicir que esta banda de punk rock galego tocase para 20 persoas, que é algo que case sempre lles pasa as bandas que abren os festivais. pero tampouco estaban os mil e pico gústames que tiveron no concurso do Facebook. A segunda banda en subir ao escenario foron os metaleiros Nao. Eu persoalmente non son moi metaleira por iso nunca me puxera un disco de Nao, e por unhas cousas e outras era a primeira vez que os vía en directo, e non me defraudaron nadiña. É máis, non me importaría nada velos mañán de volta. E verdaderamente notouse que aínda que o recinto non estivese moi cheo, teñen unha chea de seguidores, posto que poidemos ver xente coas súas camisolas e sobre todo a primeira fila cantando as cancións completas. E despois deles, chegaba a quenda dos foráneos.
Os primeiros en en subir ao escenario foron os cataláns Bongo Botrako.  A pesar de que a moitos asistentes non lles gustou o grupo, a verdade é que melloraron moito con respeto a actuación de hai un ano no festival de Bembrive. Á vez a moitos outros víaselles desfrutar sen parar de bailar e cantar. Na miña opinión aínda lles falta algo de forza no espectaculo, cando menos nun escenario tan grande como o dos festivais, cousa que non pensei hai uns anos cando viñeron presentar o seu primeiro disco polas salas da Galiza. Despois destes outros cataláns  (de adopción) que xa levan máis de 10 anos. Os Che Sudaka.  Despois de falar con algúnha xente concordo que esta foi a gran decepción da noite. Estes si tiñan máis forza enriba do escenario, a pesar de que os temas soaban máis tranquilos que os da banda anterior. Para @s que os seguimos dende fai anos perderon ese aquel...eu xa ía coa mosca detrás da orella tras ver que o estilo foi amainando nestes últimos anos e sobre todo tras escoitar o último disco. Nin batería, nin percusión, nin ese toque punkarra potente que tiñan algúns temas. Unha chea de samples gravados que saían dun ordenador, e moita cumbia. Vendo pra eles notase que levan anos nos escenarios, e que a posta en escea é boa, pero se dabas media volta podias bailar coma se estiveses na festa da túa aldea coa orquestra de turno. E chegaban os últimos foráneos, dende Euskal Herria viñan os Lendakaris Muertos a poñer o toque máis punkarra da noite. Polo que vin nunha reportaxe do festival atraeron moita xente incluso de fóra de Galiza, alí tamén se notou que durante esta actuación houbo algo máis de xente que nos anteriores, e achegáronse todos os "osos panda" (que non eran poucos) a cantar con forza. Igual desta banda debería falar outra persoa máis "neutral", pero a metódica é a de sempre e a de todos os concertos. A pesar de que as bases son bastante iguais en todo o seu repertorio, non dá moito tempo a aburrirse pois son temas de minuto e medio, rápidos e potentes, con letras sarcásticas e críticas. E de pechar o festival encargáronse os Dakidarría. Ao contrario que os anteriores, estes si mudaron algo o directo, cambiaron a orde das cancións e tamén nos presentaron uns temiñas novos que nunca escoitaramos. Ao final, pero aínda actuando, aproveitaron para gravar imaxes para o seu  videoclipe  "Mil Berros".


Por certo, á organización do festival debeulle ir ben, ou mellor que outros anos. Pénsoo porque lembro un ano que a medio festival xa agotaran o licor do negro café, outro máis relaxado que quedaron sen kalimotxo, pero este xa antes de que remataran os concertos tiñan as barras demontadas, por quedaren sen suministros de case todo... Así que nada, contamos con que o próximo ano poderemos ir a doceava edición!

Fotos e vídeos

Aquí tedes as fotos de Carlos Gende, de todos as bandas agás os Ex-Tensión Agraria.

Picasa user or album is not correct

E aquí un vídeo resumo. Pero temos máis! En GZmúsica TV poderás gozar en breve con máis imaxes do Castañazo.

Texto: Lety GF

Fotografía: Carlos Gende

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto