5 horas de rock galego na Nasa

Xoves 20 de marzo. 10 da noite. Mentres o calendario dicía que encetaba a primavera do 2014 e o orballo e a friaxe caían sobre a rúa de San Lourenzo en Compostela, Barbitúricos, O Leo e Zënzar agasallábannos con 5 horas de música, amizade e paixón na Sala Nasa. Apañamos as cámaras e aló fomos. Eis a nosa crónica, fotos e vídeo.

GZmúsica mandou unidade móbil a Compostela o pasado xoves 20. Saírmos do choio, subir ao carro e comer os riquísimos bocatas que Lety GF preparara foi todo un. O concerto -disque- comezaba puntual ás 21:30h e ás 20:45h aínda andabamos polo Morrazo. Ao final, como pasa tantas veces, a cousa atrasouse un chisco e non foi até pasadas as 10 da noite que os Barbitúricos abrían a noite co seu punk alcohólico e caótico. Nós xa estabamos aló, incluso tiveramos xa ocasión de comprobar os prezos que se marcan na Nasa -2,80€ unha cervexa, 4,50€ unha copa de LK-, que non animaban precisamente a nos achegar á barra con asiduidade.

Como dicimos, abriron fogo os Barbitúricos. Xuntar nun escenario 3 músicos que tocaron/tocan en Xenreira, Astarot e Ruxe Ruxe, que saen a botella por cabeza no concerto e que ensaian pouco nada é sempre imprevisible. Co público máis entregado ca a anterior vez que os vimos, hai apenas un par de meses no Rockin'swing de Vigo, o certo é que o concerto nos gustou máis. Disque na Reixa hai uns días foi incluso mellor e é ben posible. Nas distancias curtas -como as que irremediablemente se dan no pub compostelán- as versións punk-rock, incluso hard rock, ao estilo dos Barbitúricos de certo acenden máis os ánimos. Polo demáis, a banda non deixa de ser o medio para a catarse particular dos seus integrantes, e o punk desenganado e irreverente alágao todo por momentos. Vestiario das tendas de Amancio Ortega -el tamén o pasa mal-, garavatas pendentes de pagar e o Piedra ao bordo do colapso na batera, tentando endereitar o rumo dos dous capitáns que teiman en levar o barco ás pedras en cada tema. Nunca sairán no Luar -ben...cousas máis raras téñense visto- e tamén nunca levarán un Premio da Música Galega mais descargan os seus demos e as súas carraxes sen lle facer dano a ninguén. Ou polo menos a ninguén que non mereza ser danado. E sempre poden mudar cara ao pop para ligar máis e ter o recoñecemento das masas. Non descarten vostedes nada.

Picasa user or album is not correct

Despois foi a quenda do Leo, acompañado de Tomás Ageitos á batera. O mesmo dúo que se presentara no Revenidas o pasado verán e de volta moi boa sensación como a que nos deixaron en Vilaxoán. Antes, Vituco e Xurxo vacilaran o Leo, "acusándoo" de estar a ensaiar os temas no backstage e de beber cervexa sen alcol. Sen entrar en pormenores líquidos que descoñecemos, o certo é que o Leo máis o Tomitom semellaban hiperensaiados despois de teren pasado os Barbitúricos antes ca eles polo escenario e iso que -sen chegar ao estrés do Piedra- tamén o Tomás por momentos tiña que suar para tentar manter no tempo o Leo. Non naceu o punk para corsés de ningunha caste e Corina Porro, os pelos do ornitorrinco, España dáme caña, Coristanco -mutado en himno que tod@s coreamos- e demais estremonías do Leo son puro punk. Un apuntamento. Temos que recoñecer que non estivemos atent@s todo o concerto -eran moit@s @s amig@s de varios puntos do país cos que falar, cos que brindar,...-mais non lle sentimos ningún tema novo ao Leo. Devecemos por letras novas.

Picasa user or album is not correct

Para rematar a noite, Zënzar. Por un momento, tendo en conta a hora que era e que o día seguinte había escola, temimos que a avalancha que saíu da sala nada máis rematar a actuación do Leo marchase para non voltar. Non tal. A xente recuncou e os Zënzar soubérono agradecer con dúas horas e media de repertorio. A canda eles andaron polo escenario Ares á gaita nun par de temas e Xenderal noutros tantos -alén do propio Vituco Barbitúrico que tamén apareceu por alí- e os de Cerceda deron un bo repaso a súa longa discografía. Soaron cancións que non viñan sendo habituais nos últimos anos nos seus directos para ensarillar despois na última hora os seus hits, coreados de volta pol@s valentes -xa menos ca o comezo- que contra as 3 da mañá pedían unha e outra máis ao pé do escenario. Zënzar é unha das bandas que máis temos visto desde que botamos a andar este webzine -por varios motivos, mais un principal: préstannos a esgalla- e, coma calquera outra banda, ten días mellores e outros peores. Iso si, teñen unha cousa ben boa. Estes últimos, os menos bos, non os percibes até que atopas a banda nunha noite como a do xoves. Cando a formación está a gusto e as cousas saen ben, decátaste de que noutras ocasións en que o seu che parecera un bo concerto, igual era até un mal día. Porque cando realmente Zënzar dan un bo concerto, vén á memoria por exemplo un outro no Aturuxo, mostran enriba das táboas porque son os padriños do rock galego.

Picasa user or album is not correct

Máis nada. Simplemente parabenizar a xente da Candeloria polo moito que están a facer pola música ao vivo no país e...un toquiño de atención para os novos responsable da Nasa. Evidentemente, trátase dunha das mellores salas do país, mais isto non dá carta branca para cobrar un alugueiro cuantioso e despois nin dispór de todo o material imprescindible no escenario nin ter uns prezos das consumicións axeitados.

Ah, ademais de nós, moit@s outr@s andaron tirando fotos por alí. As de Lety GF son soberbias, pero non deixedes de botarlle unha ollada ao material que Ada Seoane, Pixelin, Juan Luis Rúa ou Lucía Mallo están a subir estes días á rede.

Vídeo-resumo dos concertos

Texto: lavesedo

Fotos e vídeo: Lety GF

{fcomments}


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto