DKTC ao vivo na Sala Máster

Hai 15 días fomos até a Sala Máster de Vigo para asistir ao concerto dos DKTC. A banda de hip-hop de Ordes deu 2 concertos no país en maio, Vigo e A Coruña, rachando uns meses de silencio derriba dos escenarios. Porén, a crew non perdeu unha miga da súa potencia e frescura ao vivo. Vídeo, crónica e fotos no interior deste artigo.

A cita foi na Sala Máster, local non moi grande -como quedou patente, por exemplo, no concerto de Dakidarría hai un par de meses- pero que está a se converter na referencia para actuacións na cidade de Vigo. De todos os xeitos, ao comezo do concerto semellaba que o aforo da sala, arredor de 250 persoas, ía ser moi folgado. Porén, non foi así. Malia o feixe de actividades que había na cidade e bisbarra esa fin de semana -entre as que destacaba o festival de cinema de Cans e o de Títeres de Redondela-, o certo é que a Sala acabou cunha máis que aceptable entrada. Iso si, o público non era o habitual dos grupos rock ou punk-rock galegos e notábase moita afluencia de seareir@s do hip-hop da cidade, que non se perderon o concerto da banda senlleira deste estilo en lingua galega.

Dios Ke Te Crew presentouse na cidade olívica coa formación tradicional -García, Sokram, Mou e nos micros e nos pratos- e non coa que lles vimos nos festivais do país nos últimos anos, isto é con banda de acompañamento. A crew de Ordes deu un repaso polos temas do seu último traballo, Humanose, entre os que inseriu moitos dos hits da banda, coreados (uns e outros) polos seguidores que arrouparon e levaron cara arriba á banda en todo o concerto. Frescos na rima, soltos, con ganiñas -cando menos aparentes- de pisar escenario e donos, despois xa de 10 anos, dun directo solidísimo, o certo é que DKTC segue a ser unha das mellores opcións para gozar cun bo concerto no país. Aquí vos queda un petisquiño da súa actuación.

Texto, vídeo e fotos: Lavesedo

{fcomments}


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto