Un ano máis, o Reper volveu a Bemposta

O Festival Reperkusión 2014 xa é historia. Mudanza de datas -de maio a xullo- mais non de emprazamento para un Reper que se vai afacendo á Bemposta e que sobreviviu mellor do esperado á calor do mes de Santiago nas terras de Ourense. A terceira presenza consecutiva de Manu Chao en Bemposta -a mellor para moit@s- e as bandas do país foron o máis destacado dunha edición que transcorreu cun pouquiño menos de público no seu primeiro día pero que volveu encher o recinto da Cidade dos Muchachos o sábado. Demostrando que terceiras partes poden ser boas.

Despois das sensacións encontradas que tiramos do Reper 2013, achegabámonos até a edición deste ano con certo escepticismo. O novo recunque de Manu Chao e que o outro cabeza de cartaz fose un Muchachito moi descafeinado facía pensar nun festival unha miga devaluado, enganchado ao tirón do fillo de Ramón Chao para sobrevivir. 


Muchachito actuou acompañado apenas polos compadres, o guitarrista, Diego "El Ratón", e un pintaor, Santos de Veracruz,  que foi plasmando a súa arte no lenzo no escenario, e non ofreceu nin moito menos o mellor concerto da súa vida. Mais o certo é que Manu Chao e La Ventura si que nos agasallaron sábado co mellor dos seus concertos -e xa son varios- no Reperkusión. Ao carón dos seus inseparables Garbancito, Gambeat e Madjid, Chao estaba acompañado por unha cativa pero dinámica sección de ventos e unhas colaboracións -Kimbalá, Muguruza e o ramo con Ico para fechar o directo co Licor Café- que remataron por lle dar moita frescura e versatilidade ao seu concerto. A fórmula escollida rematou por contentar @s que practicamente só van aló para ver a Manu e para @s que agardamos moito máis do Reper. Tamén é certo que só os valentes aguantaron despois do seu concerto para ver a Dirty Honkers -voluntariosos, pero un chisco perdidos despois da apoteose final da Chao e a fuxida dun 50% do público-. Iso si, colocar a Terbutalina xusto antes do concerto forte desa xornada foi un acerto. Os de Muros disiparon as dúbidas que podían pairar sobre eles e a súa proposta ante un público variopinto demostrando 2 cousas. Por unha banda, que son un grupo cada vez máis coñecido, á que boa parte do público lle canta os retrousos e lles segue o "rollo" e por outra que son quen de enganchar co seu punk gástrico e irreverente tamén outros públicos que probablemente os descubriron esa noite en Bemposta. 


Venres

O venres aterramos en Bemposta co tempo xusto para nos acreditar -alén desta crónica, fomos até aló para gravar un capítulo do GZmúsica TV desta tempada- botarlle uns bailes coa Turre's Band que se encargaba da benvida sonora, picar algo e saír pitando para o concerto dos Cuchufellos. Grande festa dos do Macizo Central -con petición de man incluída- para comezar moi ben unha xornada un chisco frouxa de público pero que pagaba a pena só polos Cuchufellos. Reis da pachanga galega e a cada paso cun directo máis cañeiro -como xa puideramos gozar este ano na 13-14 de Salceda-, os Cuchufellos comezaron moi forte unha noite na que os seguintes en pasar polo escenario serían Muchachito y sus compadres. Xa dixemos que non foi o mellor concerto de Muchachito, outro que se apunta ao estilo minimal -e low cost, que nestes tempos mover toda unha banda non está ao alcance de moit@s-, mais hai que recoñecer que o público o pasou ben, especialmente nos temas máis coñecidos do rumbeiro. Despois foi a quenda de N.O.H.A. Eu persoalmente gostei deles, mais houbo quen os atopou moi tranquilos para esa hora da noite. Mais para quen gostou de Les Négresses Verts nos 90, N.O.H.A. traía demasiadas boas reminiscencias como para non gostar deles. 

E para rematar Kimbalá. Moita vontade para levantar o pouco público que aguantaba en condicións ás 5 da mañá, algo semellante ao que lles pasou aos Dirty Honkers o sábado, se ben a banda galego-francesa conectou moito mellor cos incondicionais que se mantiñan ao pé do canón. 



Sábado

Alén dos concertos da noite, como xa dixemos: brillantes Terbutalina e apoteósico o Manu Chao e La Ventura, o sábado gozamos de moi bos concertos no escenario de día. Sen dúbida quedamos cos Crassh que souberon enganchar o público co seu show, a medio camiño entre o teatro e a música. Esta xorde de instrumentos reciclados e cede o protagonismo á parte teatral en gran parte do concerto, mais isto non pode agachar a fantástica voz de Bruno, voz cantante e alma da formación, e o gran traballo realizado para conseguir soar tan ben como soaron en Bemposta tocando o que tocaban. Houbo máis. Uns Kuarembó moi animosos pero quizais un chisco lastrados pola hora, xa que a calor das 5 da tarde non convidaba a moito exceso no baile. Porén, e confirmando o estilo festivaleiro tolo e ecléctico do Reper, o mellor da xornada de tarde do sábado chegou coa Empolada. A derradeira tolería da organización do festival -auga+fariña+plumas+o Leo de mestre de cerimonias e Hadri Hache pondo a música- funcionou espectacularmente ben e tanto @s que se atreveron na xungla de fariña e pluma coma @s que observabamos desde a barreira pasámolo ben. 


As forzas non deron xa para aguantar até a xornada do domingo e o equipo de GZmúsica volveu para a costa canso, pero despois de pasalo moi ben no Reper2014 e coa sensación de que o festival vai atopando o seu lugar e o seu camiño en Bemposta. Quedamos coa ledicia de poder ver a actuación da Troupe Sky, símbolo de que as cousas volven furrular na Cidade dos Muchachos, e coa esperanza de que o Reper resista os malos tempos que corren para os festivais e volva encher Ourense moitos anos máis de música, teatro e felicidade.

Texto e fotos: Lavesedo

Vídeo: GZmúsica

{fcomments}





Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto