Sés tronzou valos en Vigo

Vai por volta dun mes enviamos até o Teatro Afundación de Vigo dous dos nosos máis valiosos correspondentes. Lety GF e Lavesedo adentráronse en territorio inimigo -somos do Morrazo e Vigo, concretamente os dominios de Abanca, sempre serán terra hóstil- para asistir á presentación na cidade olívica do novo disco de Sés. A ocasión ben pagou a pena. Eis crónica e unhas fotos do concerto.

O pasado 27 de marzo presenteime no vello García Barbón máis cedo do que acostumo chegar aos sitios. Mentres agardaba a chegada de Lety e os seus bártulos fotográficos, dediqueime a ese pequeno pracer que supón asexar as xentes que, coma min, agardaban na porta do teatro, tentando enxergar que había atrás desas caras sorrintes e expectantes. Si, esas mesmas que todas temos á porta dun concerto, tanto ten a idade ou outras condicións de quen agarda e tanto ten tamén o estilo musical que se fai agardar. Non era un público homoxéneo, ou polos menos coa homoxeneidade que normalmente atinxe os espectáculos ao vivo no país. Aquilo era unha mestura de folquis, de xentes que non adoitan ir a outros concertos, de persoas ás que a militancia conminaba a ir. Iso me pareceu, iso mesmo deducín apoiado contra a pedra do García Barbón, nun recantiño no que ninguén reparaba en min mentres fumaba. Mais había unha característica que afastaba o concerto de Sés daqueles outros, nomeadamente moi roqueiros, aos que imos adoito. A porcentaxe de mulleres, normalmente cativa para o que sería natural, era abrumadoramente maioritaria. 

E non foi, ou non só, percepción miña. Confirmoumo unha amiga que me recoñeceu no meu agocho de pedra e fume. "Non, o señor X, non veu". Dixo. "Non sei que vos pasa aos homes con Sés". Pois eu estou aquí, retruquei, e non so o único. "Xa", dixo e sorriu condescendente.

Eu non estou certo de se pasa ou non deixa de pasar, a verdade. Sei que a primeira vez que a vin ao vivo chocoume aquel discurso que ralentizaba o concerto, que o facía por veces complemento da mensaxe e non ao revés. Un defensor da arte como ferramenta para o cambio social -ou polo menos para a axitación de conciencias- perplexo diante de alguén que facía exactamente o que eu entendía que hai que facer. Cousas deses micromachismos que nos acompañan a todos -e a todas- aínda que pensemos que non. 

Pero o certo é que Sés volveu encher -outra vez- un teatro galego, cobrando entrada, e volveu "contarnos a súa vida", tanto a través da súa música coma desas paroladas que bota entre medias. No musical, deulle un repaso completo ao novo traballo, Tronzar os valos, que segue a liña xa marcada no anterior traballo. De novo as influencias roqueiras e da música latina fan que saltemos do rock'n'roll ao bolero, sempre co pouso da música tradicional moi presente. Á banda que normalmente a acompaña uníronse para a ocasión 3 voces -as tres Lucías- e unha presada de músicos cubanos, percusións e cordas, que brillaron especialmente cando os ritmos latinos mandaban. Non foi todo novidade, e Sés soubo dosificar moi ben os "hits" de anteriores traballos que foron aparecendo ao longo da noite. Algúns deles, na parte final do concerto e nos bises xenerosos, cantados polo público posto xa en pé.

Non quedamos até o final, había outro concerto na cidade -Betagarri e Vendetta- ao que queriamos tamén ir, e marchamos cando o penúltimo tema comezaba. Fóra, as rapazas que atendían o posto de merchandising vendéronnos gustosas un par de discos que tiñamos a encarga de mercar. É xenial, dixeron, os discos véndense moi ben. Pois ben. Aínda hai moito valo que tronzar. Os vindeiros, este mesmo venres 24 en Pontevedra e domingo 26 en Noia.

Aquí vos quedan unhas fotos de Lety GF. Estade atentxs, porque nuns días tamén subiremos un vídeo-resumo do concerto.

Picasa user or album is not correct

Texto: Lavesedo

Fotos: Lety GF

{fcomments}


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto