Tripitindo cos Ruxe na Capitol

Hai 15 días, Ruxe Ruxe presentou o seu décimo disco na Capitol. O Brais Arroutado xa nos debullou Un mundo perfecto na súa estrea como colaborador deste webzine. Mais, alén de escoitar -e moito- a novidade dos Ruxe tamén lle fomos até a sala compostelá para ver como se desenvolvían alí de novo, na terceira presentación consecutiva dun disco en apenas 3 anos. E outra volta, coma en 2014, acompañados dos Biribirlocke. Crónica, fotos e un pequeno vídeo resumo do que alí houbo.

Agardar uns días para facer a crónica dun concerto e non trousala en quente á mañá seguinte é unha cousa sempre interesante. Especialmente se o grupo é dos teus favoritos. E iso acontéceme con Ruxe Ruxe, banda sonora vital desde que merquei o seu primeiro disco, na Libraría Andel, alá no século pasado. Como xa vén sendo costume, na primavera toca subir até a Capitol para ver a presentación dun novo disco dos Ruxe. E alá fun.

Desta volta non me perdín o concerto de Biribirlocke como o ano pasado e iso permitiume velos ao vivo por vez primeira. 

Son moi novos mais teñen moitísima presenza no escenario. Moita alegría e moito rock, a antesala perfecta para o que viña despois. Prestou moito ver colaborar as dúas bandas nun par de temas do concerto da outra, cuns ventos poderosos e o Torroncho de volta a bourar no baixo acarón dos vellos compañeiros.

E despois de media hora de rock dos Biribirlocke, chegou a quenda de Ruxe. A plenitude creativa en que se atopa a banda desde hai 3 anos, -3 discos, máis de 40 cancións gravadas, un feixe máis delas -nomeadamente no Némesis- que non chegaron a entrar, semella ser ben recibida pola xente que os segue. Outra volta sala ateigada -sen o sold out de hai dous anos- e moita gana de escoitar os temas d'Un mundo perfecto. Obviamente, as cancións alegres e menos contundentes deste novo disco, sobre todo de as compararmos coas de Némesis, axudan moito a facer a festa.  Moito ska, versión do Fiesta dos Pogues, Vótame Mamón, etc, que lle dan máis protagonismo ao saxo de Xan, cos temas onde a gaita é protagonista, como o rabiosamente rápido Queridiña, empregados coma cortes -por veces case machadazos- entre as fases máis ska ou roqueiras. Porque malia recaer o peso no novo disco, a contundencia de Némesis apareceu coa frecuencia xusta. O caso é que o concerto soubo combinar eses momentos en que Ruxe semella puro irish punk, coa gaita de Xaquín e a batera de Sevi levándoo todo por diante, co rock contundente e escuro de Némesis e mais co positivismo alegre d'Un mundo perfecto. O de deixar pasar uns días, vale para arrefriar un pouco o sentido e pensar que quizais os Ruxe puideron entrar un pouco máis metidos no concerto.   

O Jimmy saíu botarlle un par de temas coa súa banda

Tamén é certo que o público axudou moito. Xa o Porca Miseria coreado masivamente cando non debía ir nin a primeira media hora de concerto mostrou a comuñón entre a banda e a súa xente. Non faltaron os pogos, nin as continuas chiscadelas do Vituco coa xente do torreiro. E, claro, final apoteósico co Rock do País, como podedes ver no remate desde vídeo resumo.           

TEXTO e FOTOS: Lavesedo



Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto