III Som do Trega (06/08/15)

Xenderal e Lety GF foron o xoves 6 de agosto até o III Som do Trega. Eran unha das formacións que ían facer bailar a xente nesta terceira edición do festival organizado pola xente do C.S. O Fuscalho, mais tamén lles deu tempo de facer esta crónica para GZmúsica. Vídeo, fotos e texto para nos dar conta do ben que o saben montar no recanto suroeste do país.

Xa desaparecido o sol no longo horizonte que se contempla dende o monte de Santa Trega, deu comezo ao seu abeiro unha longa noite de festa. O Montiño, lugar dunha especial peregrinación da xuventude durante a semana de festas da Guarda, era escollido un ano máis para celebrar o som do Trega.

A xente comezaba a acudir en masa, sen pausa e parapetados coas bolsas de supermercado cheas. As mesas de pedra do merendoiro eran sen dúbida os lugares máis cotizados. Un ambiente típico de botellón que os do C.S. O Fuscalho souberon aproveitar, xa que este centro social, cunha admirable traxectoria, soubo complementar as festas da vila cunha semana cheas de actividades. A xuventude necesita de alternativas e o Fuscalho sabe darllas e se é necesario, como dicía un dos organizadores, irán até onde teñan visibilidade. E no Montiño,na noite do 6 de agosto, non había pouca xente.

Despois de cociñada unha gran paella comezou, non ben entradas as 12 da noite, a primeira actuación. O grupo local DED ROUTINES, formado por tres compoñentes: o guitarrista na voz, a baixista aos coros e o bateria; coas suas cancións en inglés eran os encargados de recibir os primeiros asistentes da noite e achegalos cara ao palco.

A continuación a formación de Ourense, de maioría feminina e que se  fan chamar THE TETAS`VAN, fixeron levantar o pó en suspensión do Montiño cun repertorio cheo de versións ben sabidas polo público asistente, quen non dubidou en cantalas. Voz, baixista, saxofonista, teclista, batera e o único rapaz, na guitarra.

O terceiro grupo en subir ao escenario e encher o seu aforo, pois é resultado da unión de duas bandas, foi a ORQUESTA  NEVERLOURA. Un proxecto con dous anos de vida que xuntou aos metaleiros de NEVERSIDE cos transformistas VACALOURAS para rachar coa pana, basicamente. As cancións dos discos que tes na estantería, que non os tiras pola nostalxia verbeneira, pero que tampouco escoitas por medo ao ridículo, iso é NEVERLOURAS. A xuntanza de 8 musicazos entre eles dúas baterías complementándose e que imprimían a forza que nunca tiveron cancións como a Bomba, Oliver e Benji, algunha das Spice Girls ou de Pimpinela.

Cerrando a programación e ben arroupado pola xente que non sucumbiu a chamada da “orquestra oficial”  tocoulle o turno ao Xenderal, o que escribe esta crónica, e a Lety que se encarga dos coros e de accionar as instrumentais. Como podo escribir a sensación dende dentro, e a que eu percibín do que podían ser a sensación dende fóra, iso é o que vou intentar facer xa que teño a oportunidade. O listón quedara moi alto, cancións famosísimas e para todos os públicos, e agora é a quenda dun que canta rapidísimo que costa seguille a letra? Menos mal que nos quedan os estribillos! Pois non, os medos escénicos que puidese haber disipáronse segundo pasaban os temas, a falta de chorro vocal era compensado polos coros de Lety e da xente que alí bailaba e cantaba como se fose a derradeira actuación da festa. Un concerto que desfrutei en boa compañia.

Fóra de cartaz, a noite rematouna Chafu aka Sapoconcho sem Poncho, do sistema de son BrigadaAM e que ademais é un dos activos do C.S. Fulcalho. Música da boa para os derradeiros grolos de licor cafe que daban por rematado o III SOM DO TREGA no Montinho.

Vídeo resumo do Som do III Trega

Fotos do III Som do Trega

Texto: C. Gende

Fotos e Vídeo: Lety GF

Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto