Festa Folc de Vilariño 2015 (15/08/15)

Despois de nos tomar un par de semaniñas de relax, seguimos a subir á rede cousas que tiñamos por aí pendentes. Por exemplo, os vídeos da Festa Folc de Vilariño, que volveu ser unha xornada de festa sen pausa na aldea do Hío. Aquí vos queda o noso resumo, gravado por Adrián Van Alten e Xián Freire da actuación de PelePau, Kepa Junkera, Chotokoeu e Cuchufellos.

Mediados de agosto. Praia de Vilariño, na parroquia cangueira do Hío. Un ano máis, e xa van dezaseis, a música volveu alagar a aldea de Vilariño e a súa praia. Malia a chuva, que teimou en poallar durante todas as probas de son, milleiros de persoas pasaron pola praia para unha xornada de música e diversión. Nós non podemos fallar nunha cita que está marcada a lume nos nosos corazóns desde que Os Papaqueixos, Xistra de Coruxo e Os Estalotes protagonizaran no 2000 a primeira edición deste festón. Desta volta, e como vén sendo tradición desde hai xa uns anos, foi a Treboada do Ghato a que enceta a festa, xa de mañá cedo. E a música da pé que protagonizou toda a xornada nas rúas, na praia ou nos bares de Vilariño deu paso despois ao concerto da noite. Eis os vídeos resumo deste ano.

PelePau foron a sorpresa para moitos nesta edición da festa. O combo de percusión galego demostrou que é quen de transmitir desde o escenario a mesma enerxía que ten o seu espectáculo "de rúa". 

Kepa Junkera era sen dúbida o prato forte da noite. O vasco non decepcionou xs incondicionais -e había moitos- mais para os que non o somos pero  o temos visto outras veces, mesmo no Frendoal de Liméns nunha das edicións do Herba e Son, faltoulle un chisco de chispa. 

Chotokoeu levan un par de anos ofrecendo un dos mellores directos do país dentro dun estilo que por Asturies -onde tamén teñen unha pila de seguidores- chamarían mecigayu. A música mestiza dos de Uxes puxo a praia toda a bailar.

Cuchufellos tiveron o choio de pechar a noite, o que nun festival de case 24 horas sen parar pode ser unha arma de gume duplo. Porén, os da montaña souberon manter a xente a bailar cun directo sen concesións a nada.

Até aquí a nosa olladela do que foi Vilariño este ano. Para algúns, como a xente toda de Borneira Audiovisual, de Prosoda e obviamente da Asociación Cultural O Gato, un día de moito choio. Para outras, entre as que me conto por vez primeira despois de 11 anos, probablemente a mellor festa do mundo. Ou polo menos, na que mellor o pasan.

Ah, e caralluda a navallada que armou o Cao. Pró ano máis!!!

Vídeo - Borneira Audiovisual

Cámaras: Adrián Van Alten e Xián Freire

Realización: Martín Rodas

Texto: Lavesedo

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto