Odaiko no Aturuxo (17/08/15)

A mediados de agosto, Odaiko levou todos os seus trastos percutivos até o Aturuxo de Bueu. Presentaba o espectáculo Vaia circo! moi axeitado para o público que adoitan congregar os concertos de tarde, tan exitosos nos últimos tempos. Moitas nais e pais coas crianzas a gozar da poderosa posta en escena e do virtuosismo que acompañan sempre o grupo. O Lavesedo e o Xabicas estiveron aló e envían pequena crónica e fotos. 


Non sei se foi o Ricardo Alonso o que o dicía na Radio Galega aínda esta semana. Cada vez son máis frecuentes e máis numerosos os concertos en horário europeu -si, o que teñen en Portugal- e neles destaca un publico de trinta e pico, moitas veces cos nenos. Vaia, que non somos catro tolas Wink

E desde logo, cando a proposta vai encamiñada á rapazada, aínda que coma sempre non en exclusiva, como era o caso con Odaiko, a cousa era case obrigada se che cadraba estar polo Morrazo a tarde do 17 de agosto. PorqueVaia circo! é unha proposta didáctica que mestura circo e percusión -un circo percutense coma din eles- que engancha as crianzas desde o comezo. Non só a eles. Para as que coma min, non viran ao vivo nunca o grupo era difícil tirar a ollada do escenario da parte de atrás do Atu. Unha posta en escena que camiña polos estándares do circo, cos pallasos batendo uns nos outros para nos facer rir pero tamén para nos deixar pampas co ben que o fan.

O ritmo non decae entre unha canción -sketch? acto?- e outra. Odaiko sabe xogar cos tempos mortos en que mudan roupaxes ou instrumentos e saben dosificar e crear expectación entre a rapazada cos instrumentos e cacharros que van sacando. Nós chegámoslle co concerto xa comezado. Cousas do horário europeu nun país que ten ora(to)rio franquista. Quedamos con moitas ganas de máis e ao chegar á casa descubrimos algunha marabilla coma a que tedes debaixo das fotos do Xabicas, onde Odaiko mostran toda a forza que lles sentimos apenas media hora en Bueu.

Picasa user or album is not correct

TEXTO: Lavesedo

FOTOS: Xabicas

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto