Terbutalina no Labranza de Meiro (12/02/16)

Terbutalina e o Labranza de Meiro. Un concerto dos de Muros no bar máis punk da comarca máis punk do país é cousa de non perderse e até aló foron o Pato e mais o Cachalote para revivir a vigorosa experiencia vivida o ano pasado, no mesmo lugar e cos mesmos protagonistas. Aquí vos quedan un feixiño de fotos e unha pequena crónica do concerto.

A xira de presentación do novo traballo de Terbutalina, “Al otomano se le va la mano”, deu comezo este pasado venres no Bar Labranza de Meiro (Bueu). A presenza dun dos grupos máis activos do panorama musical galego nun local cercano á base de operacións de GZmúsica, “obrigounos” a asistir ao concerto. Ademais o ano pasado xa pasaran por Meiro é a experiencia fora moi positiva, polo que a decisión de recuncar era inevitable.

Problemas de intendencia fixéronnos chegar un chisco tarde ao concerto, pero Terbutalina fai que iso non importe, porque entras rapidamente en calor. Os seus concertos son unha descarga rápida e intensa de temas, que non dan acougo ao público. Porén, isto xa non é unha novidade e a xente sabe o que lle espera e están preparados para cantar, bailar e suar a esgalla.

E iso foi o que aconteceu no Labranza, xente cantando, bailando e suando cada un dos temas. Temas do último disco, salferidos con “clásicos” do grupo (volveuse a pedir a canción de “Filloa”, pero xa non é o seu tempo, segundo dixo Migui), nun concerto que apenas chegou á hora de duración, pero que volveu deixar un bo sabor de boca nos asistentes, porque Terbutalina nunca defrauda.

TEXTO: Pato Glez

FOTOS: O Cachalote Lisiado

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto