Cool Funeral + Familia Caamagno na Capitol (04/03/16)

Hai un par de fins de semana achegámonos a Compostela para irlle á estrea do novo disco da Familia Caamagno, Para unha vez que saímos. Noite de rock e chaquetas vermellas, nunha Capitol con bo ambiente que gozou cos concertos de Cool Funeral primeiro e Familia Caamagno despois. Aquí vos queda unha pequena crónica e unhas fotos do concerto, todo feito por Lavesedo.

A noite de chuva non convidaba moito a embarcar no carro no Morrazo para ir até Santiago. Puideron as ganas de música e a saída do choio collimos estrada para Compostela. Para variar, chegamos a tempo de ver o primeiro grupo, sacrificando a cea. Pagou a pena, pois Cool Funeral foron unha descuberta. Falounos moi ben deles algún dos Caamagno hai un tempo e a verdade é que o seu blues-rock'n'roll, sucio e punki cantado en inglés -malia meterse co Heisenberg de Breakin Bad- presta moito. Posta en escena poderosa, que foi quen de vencer a tímidez inicial do público. Ficamos con ganas de volver miralos.

O baile tradicional tamén tivo o seu oco na noite da man dos Cool Funeral

Saíron despois os protagonistas da noite, un pouco envarados nos seus traxes novos. Mais a rixidez durou pouco e da que comezou soar a música a cousa mudou. Ademais, a banda semellaba estar cómoda no escenario, soando ben e cun público entregado aínda que un pouco lonxe para o que a Familia precisa. Se penso nos concertos que máis me gustaron deles, o da carpa do Festigal hai un par de anos, no Aturuxo na festa da nosa web o ano pasado ou na Josfer cando os vin por vez primeira, convidados nun concerto de Zënzar, todos teñen un denominador común. A cercanía case abafante que permiten eses escenarios, que retroalimenta especialmente os de Sigüeiro. A mesma que busca Manuele cando baixa a bailar co público nos últimos temas. A historia esa sobada de sentir o concerto coas tripas e intercambiar toda caste de fluídos corporais cos músicos e demais integrantes dos pogos. 

Foron debullando o novo traballo, intercalando os temas cos dos discos vellos e inserindo algunha canción pouco habitual nos concertos, como Panxoligna de amor. Paseniño, a enerxía foi medrando ao tempo que o facía a conexión co público, maior nos temas xa coñecidos aínda que se notou que houbo quen levou os deberes feitos e xa coreou os novos temas. Gran noite de rock'n'roll -e non só polos Caamagno, insistimos en Cool Funeral, ide miralos- que compensou a viaxe até a capital. 

FOTOS

Texto: lavesedo

Fotos: lavesedo


Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto