Familia Caamagno no Salason (08/04/16)

A primavera veu cargada de concertos no Morrazo. Andamos polos locais que manteñen programación estable -e variada- na bisbarra, ollando moita cousa boa. Xa vos falamos do concerto de Malandrómeda no Labranza e hoxe achegámosvos crónica e fotos do paso da Familia Caamagno polo Salasón de Cangas. 

Tras presentar o 4 de marzo o seu último traballo "Para unha vez que saímos" na Sala Capitol de Compostela, aFamilia Caamagno estase metendo unha pequena rutiña polo país e fóra del,  xa que coido tamén se achegaron por Oviedo, León ou Madrid entre outras cidades, facendo bailar a xente cos novos e os vellos temas.

Como xa lembraredes o  compa Lavesedo vos trouxo unha reportaxe da presentación. Daquela non souben que facer, porque en Galiza non che hai pouca oferta cultural, cantidade de veces gostaría de ter unha maquina do tempo pra nun chasco de dedos estar noutra cidade ou local e non perder nadiña, mais ao final decidín tirar polo que nunca tivera oportunidade de ver na Galiza. 

O que non agardaba eu era soamente ter que esperar un mesiño para desfrutar dos novos temazos dos Caamagno, e si temazos porque ao igual que os anteriores che provocan que os pés non paren un segundo.

A verdade é que había momentos nos que estaba pendente de achegarvos estas fotos e non bailei todo o que me gostaría, así que agardo que pague a pena!!Así que o pasado 8 de abril aproveitando o tute que se meteron estes mozos para viren a nosa terriña, houbo que visitar o Salason. Cheguei a hora exacta que marcaba o concerto, pero como bos galegos... aquí nada comeza puntual, e menos mal, porque cando cheguei o local estaba medio baleiro, pero en cousa de media horiña foise ateigando. Non só con xente do Morrazo, houbo un bo grupo que tamén chegou cruzar a ría.

No concerto poidemos escoitar vellos temas que todos os seareiros sabían ao pé da letra como O ritmo da caverna, Surfistas nazis ou Mala herba entre outras. 

Tamén puidemos cantar e bailar co Manuele a pé de chan en C´mon baby, unga-unga. Como non, algunha versión tamén tivo que cair, no vídeo tedes un anaco da de Biff, bang, pow dos The Creation xunto cun par dos novos temas por se aínda non os escoitastes, que os vellos seguro que os tendes máis que sabidos. Hei de dicir que xa por habito nos concertos destes mozos botei en falta rematar coa versión, moito máis cañera que a orixinal, e seguramente máis vella que todos os que seguimos esta web, dos Saicos.

E coido que os morracenses estamos de sorte... pois a pesar de que sexa unha tiradiña vir a estas terras ,tras o concerto Jess comentábame que gostan moito desta sala, asi que pensemos que valerá de excusa para que cada vez que saquen un novo traballo non se esquenzan de nós!

FOTOS (41)

Picasa user or album is not correct

Fotos, texto e vídeo: Lety GF

{fcomments}

Picasa user or album is not correct

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto